Anxo Álvarez súmase á candidatura da socialista lalinense Alba Forno e ocupa o segundo posto
“Creo moito en Alba e no seu proxecto. Lalín merécese unha alcaldesa coas cualidades que ten Alba e por iso decidín sumarme a esta candidatura”, afirma
Ecos da Comarca/Lalín
Anxo Álvarez García, máis coñecido como Gelucho, incorpórase á candidatura do PSdeG-PSOE de Lalín, que encabeza Alba Forno. Álvarez é natural de Lalín, vila na que traballa e onde desenvolve a súa vida persoal. É experto en Cine e TV pola Universidade da Coruña, formou parte de diversas produtoras audiovisuais realizando traballos de cine e TV e dende hai unha década conta coa súa propia empresa. “Cando decidín emprender en Lalín tiña dúas opcións, irme para unha gran produtora de Barcelona, que era unha oferta moi atractiva, ou montar o meu pequeno proxecto. Apostei por abrir o negocio e facelo en Lalín, porque quería contar cunha empresa independente e levar a cabo proxectos máis pequenos”, expón Álvarez. A todo isto, engádese que recentemente tomou as rendas da libraría familiar.

Álvarez súmase á candidatura do PSOE porque “creo moito en Alba Forno. É unha persoa cunha capacidade de traballo e de diálogo extraordinaria. Lalín merécese unha alcaldesa coas cualidades que ten Alba, porque representa o mellor do noso presente e tamén do noso futuro”, sinala e engade: “Creo firmemente no proxecto que levará a cabo Alba”.
Ante o que pode achegar á política lalinense dende a súa posición no PSOE de Lalín,
destaca que “non teño interese de botar décadas na política, só quero darlle normalidade a vida política. Implicareime co comercio, co emprego e coas novas tecnoloxías, que son
as áreas que máis domino, pero o principal obxectivo que teño é facer unha política máis
participativa. Os proxectos que se leven a cabo deben ser sempre dende a escoita, para
cubrir as demandas reais da nosa veciñanza, e con Alba á fronte isto vai ser así”, asevera.
Así mesmo, Forno destaca de Álvarez que é unha persoa “cunha alta capacidade de traballo e moi implicado cos proxectos dos que forma parte, unha característica moi importante para entrar na vida política”. Ademais, engade que “cando lle ofrecín este posto tiña claro que debería ser del, porque é a persoa axeitada para acompañarme neste
proxecto. Sei que traballará arreo, que ten moi boas ideas rompedoras que se desmarcan
do estancamento que sofre Lalín con décadas do PP, ademais de que escoita á veciñanza
dunha maneira respectuosa e tamén crítica, que é relevante”.
A candidata resalta que Anxo ten “uns valores que encaixan co meu proxecto, co que buscamos darlle novos aires a política, facela máis próxima á veciñanza e na que primará o respecto”. Conclúe afirmando que a candidatura do PSOE demostra que é unha alternativa “rompedora” e un “verdadeiro cambio” fronte ás demais.