Antas reducirá o consumo e a factura enerxética á vez que fai fronte á débeda herdada do anterior goberno
- ecosdacomarca

- 23 oct 2024
- 1 Min. de lectura
O Concello informa que o actual goberno local se atopou "cunha débeda de 319.000 euros por impagos a Naturgy"
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
Antas de Ulla celebrou este luns un pleno extraordinario para aprobar o pliego coas características técnicas para a contratación do novo subministro eléctrico municipal. Este paso forma parte da sinatura dun convenio interadministrativo de colaboración cos concellos de Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Taboada para impulsar a reducción do consumo e a factura enerxética.

O convenio inclúe un estudo estratéxico individualizado para o aforro enerxético no Concello de Antas de Ulla e, por outra parte, os seis concellos prevén contratar de forma centralizada e conxunta a subministración de enerxía eléctrica para as dependencias, instalacións e iluminación pública mediante procedemento aberto. “O obxectivo é optimizar os recursos enerxéticos, buscando o aforro e a reducción de costes do subministro eléctrico”, explica Pilar García Porto, que lembra que é “un paso máis, xa que tamén cambiamos no concello a compañía comercializadora”.
Publicidade
"Ademais, o concello debe facer fronte aos 319.000 euros de débeda por impagos herdada do anterior goberno local. Por un lado, 84.378,24 euros que o Concello debe pagar, por sentenza xudicial do 30 de decembro de 2020, por non cumprir os pagos pactados por Naturgy polos impagos do subministro entre os anos 2015 e 2017. Os outros 234.622,57 euros derivan de impagos entre os anos 2017 e 2023", indican dende o Concello. "Agora, todos os veciños e veciñas debemos pagar esa débeda mentres abonamos todos os meses a actual factura”, remata García Porto.







Comentarios