Antas de Ulla acollerá o día 6 de outubro a XI Marcha Ciclista unificada de Special Olympics
- Laura Moure
- 29 sept 2023
- 2 Min. de lectura
O obxectivo é concienciar sobre a inclusión
Laura Moure/Antas de Ulla
O concello de Antas de Ulla será o escenario o próximo venres 6 de outubro da 'XI Marcha Ciclista Unificada', organizada por Special Olympics Galicia co obxectivo de concienciar sobre a inclusión. Está aberta a persoas con e sen algún tipo de discapacidade intelectual ou de desenvolvemento. Na presentación da proba en Antas de Ulla estiveron o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández Pérez; a alcaldesa, Pilar García Porto; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero Méndez; Ana María Guerreiro, concelleira de Servizos Sociais e Atención Cidadá, e José Manuel Almuíña, concelleiro de Obras.

“Un evento deportivo que pon a Antas no mapa, porque reunirá a participantes de toda Galicia no noso concello, que é o centro xeográfico de Galicia e reúne moitas e boas condicións para este tipo de probas deportivas”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.
“Ademais, é unha marcha inclusiva, que ten moito de aprendizaxe para as persoas que forman parte dela, pero tamén para os que disfrutaremos coa súa presenza”, engadiu a alcaldesa, que agradece ao clube ciclista San Miguel a súa participación na carreira acompañando aos competidores.
Publicidade
A marcha pretende dar visibilidade ao colectivo de persoas con discapacidade, erradicando así as barreiras físicas e psicolóxicas coas que aínda se atopan na sociedade actual. Como di o lema de Special: Quero ganar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento.
Publicidade
Este ano Prodeme; Aspanas; As Burgas; Aspas; Eu Son; San Francisco e Con Eles son as sete entidades que participarán na marcha para concienciar e difundir a través do deporte unha imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual.
Comments