A empresa dezá Cárnicas Mosquera que ten tenda en Vila de Cruces e Arzúa contará a súa experiencia no primeiro día
Laura Moure/Antas de Ulla
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrará a partir de mañá na Coruña, Boqueixón e Antas de Ulla cinco xornadas de difusión do selo de calidade de Artesanía Alimentaria, centradas nas actividades de confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría, conservas vexetais, sidra, produtos cárnicos e queixos. Cada unha das xornadas estará centrada nun destes sectores e celebraranse en horario de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 18:00 horas.
En concreto, A Coruña acollerá dúas das xornadas. A primeira, centrada en confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría, celebrarase mañá -martes 22 de novembro- e a segunda, sobre conservas vexetais, será o xoves 24 de novembro. Ambas xornadas terán lugar no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Paseo das Pontes. O vindeiro luns 28 desenvolverase en Boqueixón unha xornada sobre sidra no Pazo de Quián e, por último, en Antas de Ulla celebraranse outras dúas xornadas que terán lugar na Casa da Cultura. A primeira, que será o martes 29 de novembro, centrarase en produtos cárnicos, e a segunda, que terá lugar o mércores 30, focalizarase nos queixos.
Todas as xornadas terán unha mesma estrutura. Durante a mañá haberá tres charlas sobre os obxectivos do selo e as condicións xerais para producir e etiquetar alimentos artesáns, e sobre a norma técnica e a innovación na elaboración da actividade artesá na que se centre a xornada ese día en concreto. Ademais, celebrarase unha presentación de experiencias dos distintos produtos alimentarios artesáns, que se pechará cun coloquio.
Finalmente, na sesión da tarde, as xornadas que se celebran na Coruña rematarán cun obradoiro práctico de elaboración dos produtos nos que se centran cada día, mentres as xornadas de Boqueixón e Antas de Ulla rematarán cunha visita a unha actividade artesanal correspondente ao tema principal.
Cárnicas Mosquera de Vila de Cruces
O programa do día 29 en Antas é:
9:30 horas: Obxectivos do selo e condicións xerais para a produción de alimentos artesáns. Agacal.
10:30 horas: A norma técnica de elaboración de produtos cárnicos artesáns. Adriana González Peaguda, mestra carneceira, Centro Técnolóxico da Carne (CTC).
11:30 horas: Innovacións no proceso de elaboración de produtos cárnivos artesáns. Adriana González Peaguda, mestra carneceira, Centro Técnolóxico da Carne (CTC).
12:30 horas: Presentación de experiencias de produtos alimentarios artesáns:
__ Traloago, Friol.
__ Cárnicas Mosquera, Vila de Cruces.
__ Ánades Galicia S.L., Vilardevos.
16:00 horas: Visita a unha actividade artesanal: experiencia e proceso de traballo: Traloagro, Friol.
Comments