Nas tres días que se levou a cabo recolleron en total uns 600 quilos de lixo
Laura Moure/Melide
Máis lixo do esperado na terceira xornada de limpeza do Río Furelos promovida pola Asociación Troiteiros Río Furelos, e aínda por riba con sorpresas moi desagradables: 300 quilos de plásticos, latas, roupa, animais mortos, etc. Nas labores de limpeza participaron nesta ocasión 16 veciños que se repartiron a zona entre a Ponte Romana de Furelos e Os Pasales de Petos, nunha mañá gris neboenta e chuviosa.
Publicidade
"Nesta ocasión o abraio desagradable para coa veciñanza preto da Área Recreativa da Praia Fluvial do río Furelos, no rego de Sandión no límite dos concellos de Melide e Toques,
concretamente debaixo da ponte do rego foi o achado dunha bolsa na que xa se intuía algo raro, un fedor nauseabundo, moi desagradable, impropio da zona na que nos atopamos e que debería ser un referente comarcal de desfrute e ocio (non un estercoleiro), cando chegamos podemos contemplar con estupor, unha vez aberta a bolsa o seu contido de animais mortos (cans, gatos, galiñas..), xa nun estado putrefacto", lamenta a Asociación Troiteiros Río Furelos.
"De todos é sabido que non se poden verter aos ríos substancias nin animais pútridas. Máis o día tiña outra sorpresa, sabedores somos das malas prácticas gandeiras e que sempre aproveitan que vai chover para espallar os xurros polos prados e baleirar as fosas. Nesta ocasión na Tosta, a auga viña cun regueiro de escuma que amosaba e confirmaba as nosas sospeitas. XURRO!!!".
Publicidade
Todo isto indigna ao colectivo e tamén aos voluntarios que participan nesta boa iniacitiva, porque o coidado dos ríos é deber de todos. "Incredibilidade, non pode ser, non está pasando..., foi necesario chegar e ver para confirmar tanta carraxe nos voluntarios polos sucesos que están acontecendo. Non podemos rematar sen facer un balance positivo, aínda que sexa con moito lixo (600 quilos nas tres xornadas) e as sorpresas desagradables do último día. Se os peores escenarios se cumpren,quen será o músico que entone a despedida? Temos a sensación de que o río Furelos está apunto do colapso, do non retorno, demasiado tarde, hai moitos síntomas de que algo non está ben. Tamén queremos agradecer a todos os voluntarios e colaboradores a súa presenza e axuda e por suposto, que seguiremos denunciando todas as agresións ao río Furelos", recalca Troiteiros Río Furelos.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Anuncio das xornadas: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-asociaci%C3%B3n-de-troiteiros-r%C3%ADo-furelos-organiza-as-xix-xornadas-de-limpeza-2023
Noticia da primeira recollida deste ano: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-r%C3%ADo-furelos-%C3%A9-un-deber-de-todos
Noticia da segunda recollida deste ano: https://www.ecosdacomarca.com/post/menos-lixo-e-unha-sorpresa-desagradable-na-2%C2%AA-xornada-promovida-polos-troiteiros-r%C3%ADo-furelos
Comments