top of page

Ana Pontón propón destinar os 250 M€ que o PP quere dar a Altri a un Plan Ulloa-Ulla-Arousa que revitalice estas comarcas

"Un proxecto alternativo á bomba ambiental da macrocelulosa de Altri que o PP quere colocar no corazón de Galiza”, resume a líder nacionalista


Ecos da Comarca/A Ulloa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propón que os 250 millóns de euros que o PP quere dar a Altri para desenvolver a súa “megacelulosa contaminante” se destinen á posta en marcha dun Plan Ulloa-Ulla-Arousa para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico destas comarcas, as que estarían afectadas polo proxecto da multinacional portuguesa, “unha bomba ambiental” que “o Partido Popular quere colocar no corazón de Galiza”.

Ana Pontón este venres na cooperativa Milhulloa de Palas. Autor: Ecos da Comarca.

Así o avanzou a líder nacionalista logo de reunirse este venres en Palas de Rei con representantes do ámbito económico da comarca da Ulloa e visitar a cooperativa Milhulloa, un dos moitos proxectos que apostan polo desenvolvemento sustentable para fixar poboación e que Altri poría en risco cun proxecto que “é un engano á cidadanía” dado que non supón a posta en marcha dunha fábrica de fibras téxtiles como anunciara o PP, senón “unha macrocelulosa contaminante que non queren en Portugal”.


"Fronte a este atentado ambiental que ademais pon en risco un modo de vida e a centos de empresas que xa están funcionando” non só na comarca da Ulloa, senón tamén en Melide, Arzúa ou tamén as comarcas de Deza e Arousa, Pontón afondou no plan sostible e alternativo que o BNG defenderá no Parlamento galego e que se basea en tres grandes eixos de actuación.

O primeiro deles, o apoio a proxectos económicos de transformación no medio rural, cunha gran capacidade para innovar e para instalar novas empresas produtivas no ámbito agrogandeiro, e que incluiría liñas de axudas específicas para PEMES e cooperativas. “En Agolada, por exemplo, hai moitos proxectos agrarios e forestais que levan 20 anos agardando a que se poida rematar unha concentración parcelaria”, exemplificou para evidenciar o abandono destes proxectos fronte ao “trato de privilexio” a unha multinacional portuguesa.


En segundo lugar, o plan Ulloa-Ulla-Arousa aposta pola recuperación do río Ulla, o que significaría contribuír tamén á recuperación da ría de Arousa, con investimentos específicos para mellorar o estado de conservación do río para aproveitar todo o seu potencial económico, turístico e cultural, tamén na súa desembocadura. “Non podemos esquecer que a ría de Arousa ten neste momento un problema gravísimo de produtividade e unha das causas é precisamente a contaminación e que non se está conservando ben a calidade da auga deste río”, explicou para recalcar que a mellora do Ulla supón tamén “apoiar ás 4.000 familias que viven da ría de Arousa e que son parte fundamental da economía do País”.


Publicidade

O último e terceiro gran eixo de actuación do plan é a clara aposta por un novo modelo forestal sostible cun monte multifuncional e que non se limite só á primeira transformación da madeira, senón que “vaiamos a unha segunda e a unha terceira transformación”, afondou a líder nacionalista que, posteriormente, se trasladou ao concello de Santiso para valorar o proxecto de Altri tamén con representantes do BNG das comarcas da Ulloa, Terra de Melide, O Deza e A Montaña, entre os que se atopan os alcaldes de Santiso e Arzúa, Manuel Adán e Xoan Xesús Carril, respectivamente.

Pontón na reunión en Santiso este venres. Autor: Ecos da Comarca.

Pontón reafirmou o rexeitamento do BNG ao proxecto de Altri porque supón “unha bomba ambiental no corazón do País” e pon en risco o modo de vida e a centos de empresas, así como o propio Camiño de Santiago xa que, segundo alertou, “xa hai advertencias de que Altri pode supoñer que perda a categoría que ten agora de Patrimonio da Humanidade”.

Por iso defendeu a necesidade de empregar os 250 millóns de euros que o PP quere conceder a Altri “para contaminar o noso País” nun desenvolvemento máis sostible de Galiza. “Se apoiamos ao noso sector agrario, ao sector turístico e a toda a xente que quere seguir vivindo do mar e se coidamos o noso medio, con eses 250 millóns imos ter moito máis emprego, moito máis futuro e, sobre todo, non imos seguir contaminando Galiza, nin hipotecando o futuro deste País”, concluíu.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page