Ana Miranda leva a Silleda o traballo do BNG en Europa e recolle demandas da veciñanza
- ecosdacomarca

- 16 may
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visitou Silleda na xornada do pasado 14 de maio nunha intensa axenda de traballo acompañada polos concelleiros nacionalistas Erea Rey e Xerardo Díaz, así como pola deputada no Parlamento galego Ariadna Fernández.

A xornada comezou cun percorrido pola feira da Bandeira, onde a comitiva puido coñecer de primeira man a actividade económica e social que xera este mercado tradicional, clave para a dinámica da contorna. Posteriormente, Ana Miranda visitou o IES Pintor Colmeiro, onde mantivo un encontro cun grupo de alumnas e alumnos. Este encontro serviu para achegar á mocidade o labor que desenvolve unha eurodeputada no Parlamento Europeo, ao tempo que permitiu recoller propostas e demandas da xuventude en cuestións clave como a mobilidade e as alternativas de ocio no rural.
PUBLICIDADE
“É fundamental escoitar á mocidade e incorporar as súas inquedanzas ás políticas que
defendemos, tamén desde Europa”, destacou Miranda durante a visita. A continuación, o grupo desprazouse por diferentes establecementos do comercio local, nun xesto de apoio ao tecido comercial de Silleda. Con esta visita, o BNG quixo poñer en valor o papel do pequeno comercio na dinamización económica e social das vilas galegas, así como a necesidade de políticas públicas que garantan a súa continuidade.
Para rematar a xornada, a comitiva nacionalista mantivo unha reunión con representantes do sector da gandaría porcina, de gran relevancia na comarca de Deza e en Silleda en particular. Neste encontro, intercambiáronse impresións sobre a situación actual do sector e sobre as iniciativas que o BNG está a impulsar tanto no Parlamento Europeo como no Parlamento galego.
PUBLICIDADE
“O sector primario precisa apoio real e medidas que faciliten o seu desenvolvemento. Desde o BNG traballamos en todas as institucións para defender os intereses das
nosas produtoras e produtores”, subliñaron as representantes nacionalistas. Desde o BNG de Silleda salientan a importancia destas visitas para conectar o traballo institucional coa realidade local, favorecendo o diálogo directo cos distintos sectores sociais e económicos e trasladando as súas demandas aos espazos de decisión.








Comentarios