top of page

Amigos da Empanada logra un remanente de 6.000 euros e 19 persoas non continuarán na directiva

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A entidade aposta por un novo modelo de traballo, pola declaración de Interese Turístico Nacional e anunciará grandes cambios e novidades nas vindeiras semanas


Laura Moure/Silleda

A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira celebrou na súa sede, o Centro Cultural Vista Alegre, a asemblea ordinaria de socios, que contou cunha participación popular superior ao que viña sendo habitual nos últimos anos, e na que se trataron diversos puntos do día.

Balance económico En primeiro lugar, o tesoureiro Alfonso Mato, expuxo á veciñanza presente o balance económico do último ano, detallando todos os gastos e ingresos de cada evento celebrado pola asociación. Mato destacou a enorme importancia da Festa da Empanada, o que se traduce "nunhas cifras estratosféricas", tendo en conta a poboación do pequeno núcleo rural de A Bandeira. Para ser máis precisos, Amigos da Empanada rexistrou uns ingresos de 114.000 euros e os gastos alcanzaron a cifra de 108.000. “Trátase dun moi bo remanente de 6.000 euros, que permitirá desenvolver con tranquilidade as tarefas e actividades previstas para o vindeiro ano”.

O presidente, Andrés Seoane, aproveitou para por en valor o papel do Concello de Silleda, principal institución colaboradora e patrocinadora da Festa da Empanada, que ademais de axudas económicas para a realización de diversos eventos ao longo de todo o ano, desprega unha inmensa loxística que permite desfrutar con seguridade dunha das citas gastronómicas de maior relevancia da nosa comunidade. Seoane agradeceu tamén a colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, así como a axuda inestimable do comercio local e a veciñanza e asociacións da vila de Bandeira e arredores.

Balance social A organización, que comezou a súa labor no mes de febreiro do presente ano, sacou músculo á hora de falar da enorme axenda social, cultural e musical que viviu Bandeira durante os últimos meses. O recibimento aos “Instagramers no Camiño”, o Día Mundial da Empanada, o Recuncar da Bandeira, o San Cristovo, o Entroido de Verán, a Feira Tradicional da Bandeira, a benvida cultural a diversos programas da Televisión de Galicia, o I Torneo de Golf da Empanada, os Festivais Esmorga Folk e Bandeirok así como conferencias, rutas gastronómicas e diversas actividades para todos os públicos durante a Festa da Empanada é no que se traduce a labor da Asociación Amigos da Empanada, que en palabras da secretaria Flavia Payno, “busca, en definitiva, dinamizar o noso rural a través da nosa cultura e gastronomía”.

O presidente Andrés Seoane, mostrou unha “enorme satisfacción” polo éxito tanto económico como social que tiveron todos e cada un dos eventos e actividades organizadas por Amigos da Empanada. “Contamos co apoio incondicional, tanto económico como emocional, da vila de Bandeira, ese foi, sen dúbida, o motor que nos moveu”.

Cambios na dirección A parte negativa da asemblea, foi o gran número de despedidas que se sucederon durante o acto. Por diversos motivos, tanto organizacionais como persoais, non continuarán na xunta directiva as seguintes persoas: Luis Villanueva, Flavia Payno, Alfonso Mato, Javier Gayoso, Mario Rodríguez, Alberto García, Iago Sánchez, Lucía Souto, Bárbara Cuiña, Héctor Rey, Soraya Mosquera, Lucrecia Balagué, Tania Barral, Nerea Costa, Mariña López, Ana Brandariz, Sergio Rodríguez, Diego Rodríguez e Adrián Villar.

Pola contra, permanecen na directiva: Andrés Seoane, como presidente; Ana Cuiña, como nova tesoureira; Bea Cuiña, como nova secretaria; Cristina Quinteiro e María José Fernández, como vicepresidentas e Diego Ben e Jaime Cid como vogais. Ademais, incorpóranse á directiva, como vogais, o expresidente José Luis García e Leila Fernández.

“Non descartamos realizar algunha nova incorporación no futuro, pero por agora queremos apostar por un modelo de traballo horizontal e flexible, o que implica a eliminación das áreas e a redución da directiva," apunta Andrés Seoane, que afrontará o seu cuarto ano como presidente da asociación.

Continuidade do proxecto Un total de 19 baixas, que non impedirán á asociación continuar co proxecto xa iniciado que buscará lograr a declaración da Festa da Empanada como evento de Interese Turístico Nacional. A nova directiva, anunciou que xa está traballando nunha revolución do programa do ano 2023, con grandes cambios horarios e novidades co obxectivo de actualizar a Festa da Empanada aos novos tempos e lograr atraer un maior turismo á vila, o que repercutiría moi favorablemente no comercio local e na economía do municipio. “Mantendo a esencia e coidando as nosas tradicións, queremos levar á Empanada ao seguinte nivel, porque o merece Bandeira e porque o merece a mellor festa do mundo” concluíu Andrés Seoane.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

As persoas asistentes á asemblea tiveron a oportunidade de trasladar ideas, suxestións e críticas construtivas ao novo equipo de traballo.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page