Amigos da Empanada lanza unha campaña para recuperar imaxes e vídeos das festas da vila dende o 1974
- Laura Moure
- 14 feb 2022
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
Corría o ano 1974 cando un grupo de amigos e amigas da vila de Bandeira decidiron levar unhas empanadas a unha fermosa carballeira e desfrutar dunha tarde amigable coincidindo coas festas patronais. A idea gustou e no ano 1975 tivo lugar a I Edición da Festa da Empanada e do seu prestixioso concurso que premia as creacións máis sabedeiras. Co paso dos anos a cita gastronómica converteuse nun evento de gran sona e proba diso foi a celebración do primeiro pregón no ano 1987 a cargo do escritor Camilo José Cela ou a declaración de Festa de Interese Turístico Galego no ano 1999. Por iso agora a actual directiva da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira lanza unha campaña para recuperar imaxes e vídeos das festas da vila dende o ano que arrancou esta cita tan importante.

Cabe mencionar e tal e como lembra a asociación que a Festa da Empanada de Bandeira comezou sendo unha reunión de veciños e veciñas e pasou a congregar na súa cea de “peñas” a preto de 8.000 persoas chegadas de numerosos puntos da xeografía e conta con variadas actividades gastronómicas, culturais e festivas entre as que destacan o Festival Esmorga Folk dende o ano 1989 e o Festival Bandeirock dende o 2002.
A pesar de tantos anos de celebración, a Asociación Amigos da Empanada de Bandeira lamenta o escaso arquivo histórico existente na actualidade. Por este motivo, e coa mirada posta no 50 aniversario, a directiva vén de crear un grupo de traballo que terá como función principal recuperar e dixitalizar todas as imaxes e vídeos existentes dende o ano 1974 ata a actualidade.
Para lograr este arduo obxectivo, o colectivo solicita a axuda da veciñanza, visitantes da festa, medios de comunicación, fotógrafos profesionais e afeccionados ou calquera persoa que poida ter imaxes ou vídeos da Festa da Empanada, o Esmorga Folk, Bandeirock así como de calquera outra actividade enmarcada nas festas de Bandeira. Andrés Seoane, actual presidente da asociación, agradece de antemán a colaboración e pon a disposición das persoas que desexen colaborar o seguinte correo electrónico: empanadabandeira@gmail.com
Comments