“Amigos da Empanada” estrea a directiva máis grande da súa historia cun total de 23 mozos e mozas
O colectivo silledense volverá estar presidido por Andrés Seone Pena
Laura Moure/Silleda
O Centro Cultural “Vista Alegre” de Bandeira (Silleda) acolleu este venres 14 de xaneiro a asamblea ordinaria da Asociación Amigos da Empanada de Bandeira en busca dun relevo tras a dimisión da actual directiva liderada por Teresa Fernández Cangas, quen tomou posesión do seu cargo o 18 de xaneiro do ano 2020, semanas antes da declaración do estado de alarma no territorio español.
Tras dous anos sen poder celebrar a tradicional Festa da Empanada por mor da crise sanitaria, Andrés Seoane Pena presentou unha candidatura conformada por 23 persoas co obxectivo de que o 20 de agosto do 2022 “Bandeira volva ser a capital da Empanada e da festa no noso país”. Baixo o lema “un novo comezo”, Andrés Seoane volve a ocupar a presidencia da asociación bandeirense tras iniciarse como vogal no 2017 e posteriormente liderar a organización das festas da vila nos anos 2018 e 2019.
Xunto a Andrés Seoane volven a ocupar os postos de maior relevancia Flavia Payno que asume a Secretaría da Asociación (tras facelo nos anos 2018 e 2019), Luis Villanueva e Alfonso Mato que volven a ocupar a Vicepresidencia e a Tesourería respectivamente (tal e como fixeran no ano 2019). Seoane quixo destacar a gran experiencia do equipo, que está “máis que preparado para asumir esta gran responsabilidade de novo” e anunciou a creación por primeira vez dunha Vicepresidencia II encabezada por María José Fernández, que tamén compartiu experiencia organizativa no ano 2019, e a reaparición da figura da Vicesecretaría que ocupará Mario Rodríguez, tamén con experiencia no equipo de Seoane (2018 e 2019).
Completan a directiva os seguintes vogais: Ana Cuiña, Javier Gayoso, Tania Barral e Héctor Rey, que tamén repiten de novo con Andrés Seoane logo dun tempo á marxe da asociación. E como novas incorporacións, os seguintes vogais que se estrearán neste ano 2022: Beatriz Cuiña, Alberto García, Soraya Mosquera, Javier Penido, Ana Brandariz, Jaime Cid, Cristina Quinteiro, Sergio Rodríguez, Lucrecia Balagué, Diego Ben, Iago Sánchez, Diego Rodríguez e Adrián Villar.

Trátase da Directiva máis grande da historia de Amigos da Empanada, constituída no ano 1995, e moi superior en número ás que conformara Andrés Seoane nos anos 2018 (10 persoas) e 2019 (14 persoas).
Catro grandes bloques
En canto á estrutura, os compoñentes estarán divididos en catro grandes bloques: área económica e de recadación, área técnica e de intervención, área cultural e artística e área de loxística e infraestruturas. Como outra novidade, crearase o departamento de Igualdade e Desenvolvemento Sostible, cuxa responsable, Beatriz Cuiña, interpreta como “un gran avance que porá a igualdade e sustentabilidade no lugar que se merecen” ao funcionar este departamento como unha especie de filtro de todas as decisións e accións da asociación.
Flavia Payno quixo salientar “a ilusión e as ganas coas que todo o equipo comeza”, destacando como aspecto moi positivo a magnífica relación existente entre os 23 membros, “somos como unha gran familia” sinala a secretaria que tamén anunciou que o presidente convocará con gran urxencia unha primeira reunión para comezar a debuxar as festas do ano 2022. Unhas festas que estarán marcadas pola seguridade ante a COVID-19 e a austeridade económica xa que “debemos traballar na creación dunha forte base financeira que permita festexar por todo o alto a 50 Empanada” sinala o tesoureiro, Alfonso Mato.
A pesar desta política de aforro, o Vicepresidente I Luis Villanueva é moi optimista e considera que o “Esmorga Folk fará brillar unha vez máis a nosa música e a nosa cultura”, ao que se sumou María José Fernández ao destacar a necesidade de que tras dous anos de parón volvan ás nosas vilas e aldeas actividades culturais e festivais como o Bandeirock, porque “a cultura ademais de necesaria é segura” afirmou a Vicepresidenta II. Pola súa banda, Mario Rodríguez, Vicesecretario, quixo destacar a gran diversidade das festas de verán da vila, “unhas festas onde todos e todas estamos representados e que fan que nos sintamos moi orgullosos de Bandeira”.
Un optimismo co que quixo concluír o novo presidente da asociación: “Este 2022 volveremos desfrutar da nosa empanada, dos nosos festivais e da nosa tradición e cultura; este ano será un novo comezo”.
Palabras ao mozo falecido esta semana
O colectivo aproveita para dedicarlle unhas palabras ao mozo da localidade que faleceu esta semana tras ser atropelado en Ames polo seu propio coche.
Hoxe os nosos pensamentos están con Bran e a súa familia. A dor que nos invade é tan profunda como o baleiro que nos deixa a perda do noso amigo. Bandeira chora a un mesmo tempo porque a vida é moi inxusta e porque non haberá día no que non estrañemos a unha persoa que nos fixo tan felices. É imposible falar de Bandeira sen falar de Bran, como tamén é imposible recordar a Bran sen un gran sorriso cheo de emoción. Sempre levou a Bandeira, con orgullo, no seu corazón; agora sabemos que nos nosos, sempre vivirás ti. Boa viaxe Bran.