top of page

Amigos da Empanada anuncia as medidas de seguridade para a 47 edición desta festa da Bandeira

A asociación, en colaboración co Concello de Silleda, garantirá a seguridade das preto de 30.000 persoas asistentes nos cinco días de actividades culturais, musicais e gastronómicas


Laura Moure/Silleda

A Asociación Amigos da Empanada de A Bandeira leva meses traballando en colaboración co Concello de Silleda para albergar un evento que agarda superar todos os récords de asistencia. Por este motivo, a prioridade da organización será garantir un entorno seguro e acolledor para que as persoas asistentes poidan gozar de toda a programación que, coma sempre, será totalmente gratuíta.


“Somos unha vila de pouco máis de 700 habitantes pero estaremos preparados para recibir a miles de persoas de xeito seguro e responsable” apunta o presidente da organización, quen anunciou unha serie de medidas de seguridade para a 47 edición da Festa da Empanada das cales podemos destacar as seguintes:


Publicidade

  • Elaboración dun plan de emerxencia para a Festa da Empanada por parte de profesionais do sector. Este plan é un documento que establece os procedementos e protocolos a seguir no caso de darse unha situación de emerxencia durante o evento. O obxectivo principal é garantir a seguridade e benestar non só de todas as persoas asistentes senón tamén do equipo de persoas voluntarias, colaboradoras e persoal involucrado, anticipándose a posibles situacións de risco e actuando de xeito rápido e eficiente para minimizar os danos.

  • Conformación dun equipo de persoas voluntarias que reforzarán a labor do equipo de Amigos da Empanada e o persoal do Concello de Silleda en tarefas como a limpeza, a vixilancia ou os controis de acceso.

  • Contratación de persoal: a Festa da Empanada e os seus festivais contarán cun posto de primeiros auxilios para poder ofrecer unha primeira asistencia mentres chegan os servizos médicos no caso de producirse unha emerxencia sanitaria. Ademais, tamén contará con persoal de seguridade privada nos puntos máis sensibles.

  • A entidade organizadora habilitará dous grandes aparcadoiros e un específico e gratuíto para socios co obxectivo de asegurar un bo funcionamento das principais vías da localidade, que como cada ano, contará cun desvío activo ao cortarse a Nacional 525 por mor das actividades do evento. Este desvío foi autorizado polo Ministerio de Interior, a través da Xefatura Provincial de Tráfico. Amigos da Empanada agradece a labor do Concello de Silleda e da Policía Local do municipio que despregarán un complexo dispositivo de seguridade para garantir o bo funcionamento do desvío e piden a colaboración dos veciños e veciñas para non aparcar ao longo de todo o desvío. Ademais, a carballeira onde se celebra a multitudinaria Festa da Empanada sufrirá certos cambios na organización das mesas e carpas para habilitar corredores de emerxencia en todos os espazos. Os coches só poderán circular polas zonas habilitadas para carga e descarga ou nos aparcadoiros habilitados, prohibindo o acceso dos mesmos aos espazos onde se produce a comida e cea de peñas.

  • Por outra banda, Amigos da Empanada reforza a infraestrutura do evento ao contar con vallas antipánico nos festivais, baños nas principais actividades e múltiples escenarios e plataformas que permitirán o desenvolvemento de todas as actividades de xeito repartido por toda a vila. Ademais, tamén se reforzará a iluminación dos espazos e o precinto das zonas que poidan conlevar algún risco.


Publicidade

  • Finalmente, habilitarase un espazo de descanso no pavillón de A Bandeira durante os festivais para que as persoas asistentes poidan durmir e descansar sen necesidade de realizar desprazamentos esa mesma noite. O espazo conta con baños e duchas e a organización remarca que a acampada só poderá realizarse no interior do pavillón, nunca no exterior.

“Somos conscientes de que algunha medida será polémica e causará certo malestar nalgunhas persoas, pero a seguridade sempre debe ser o primeiro para nós” sentencia Seoane, quen agradece de antemán a todas as persoas asistentes a súa cooperación e comprensión para cumprir con todas as medidas establecidas, e que permitirán gozar da Festa de Empanada de xeito responsable.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page