Alumnado do IES Monterroso coñece experiencias de éxito a cargo de xente moza cos ‘Obradoiros Talento Mozo’ da Xunta
- Laura Moure
- 2 mar 2024
- 2 Min. de lectura
No coloquio participaron o arzuán Francisco Cañotas, presentador da TVG, e Manuel Fernández, empresario do ámbito da gandería
Laura Moure/Monterroso

A Xunta está a trasladar experiencias de éxito protagonizadas por mozas e mozos a estudantes de secundaria de toda Galicia a través do programa Obradoiros Talento Mozo, que este venres desenvolveuse no Instituto IES de Monterroso. Unha trintena de estudantes de 4º de ESO deste centro participaron onte nesta actividade, á que tamén asistiu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.
Publicidade
O alumnado tivo a ocasión de escoitar as experiencias de Francisco Cañotas, de 31 anos, presentador de varios programas na TVG, e de Manuel Fernández, empresario do ámbito da gandería de 24 anos de idade.
Publicidade
Cristina Pichel destacou que con Obradoiros Talento Mozo quérese dar visibilidade á creatividade, empuxe, potencial e capacidade de innovación que ten a xuventude galega. A través deste programa, estanse a facer coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia, co fin tamén de solucionar as dúbidas que o alumnado poida ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.
Publicidade
En canto aos relatores, o arzuán Francisco Cañotas ten o Grao de Xornalismo e un Máster en Industria Musical pola Universidade de Compostela. Na actualidade, presenta na canle autonómica o concurso de cociña ‘A voltas co prato’. Pola súa parte, Manuel Fernández fixo un Ciclo de Produción Agropecuaria e ao rematar completou a súa formación en Francia. Hoxe en día é o responsable dunha empresa que ofrece servizos de substitución para as granxas de vacún de leite que o necesiten.
Comments