top of page

Alternativa Veciñal de Antas de Ulla reivindica de novo un centro de día para o municipio

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Remitiu un escrito á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, dependente de Política Social e suxire que se habilite o edificio do actual centro de saúde como tal


Alternativa Veciñal de Antas de Ulla está traballando co obxectivo de que este concello conte cun servizo básico como é un centro de día. Desta volta, remitiu un escrito á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, dependente da Consellería de Política Social. "Tomamos a decisión de dirixirnos á Xunta de Galicia toda vez que no último pleno ordinario, celebrado a finais de marzo, a nosa proposta para que o Concello asumira a iniciativa e se implicara na posta en funcionamento dun centro de día público e de carácter municipal, foi botada abaixo cos votos en contra do alcalde, Javier Varela, e do resto de concelleiros do Partido Popular", lembra.


A súa solicitude céntrase en que a dita Dirección Xeral promova a apertura dun servizo

de centro de día de carácter público en Antas de Ulla. Así mesmo," propuxemos que se

valore a posibilidade de aproveitar as obras que se acometerán no centro da terceira

idade para reservar un espazo nesas mesmas instalacións que poida funcionar como

centro de día. Tamén suxerimos que se estude, en colaboración co Concello, a

habilitación e acondicionamento do edificio do actual centro de saúde como centro de

día, toda vez que a Consellería de Sanidade vai construír un novo ambulatorio e o

edificio que o alberga agora vai quedar sen utilidade", demanda.


Incide en que "en concordancia co que acontece no eido demográfico noutros moitos lugares de Galicia, en Antas de Ulla vivimos unha acusada tendencia nas últimas décadas á perda de poboación e ao avellentamento da mesma. Os datos consolidados do Instituto

Nacional de Estatística apuntan a que o noso municipio conta cunha poboación de 1940

persoas, situándose a media de idade máis aló dos 56 anos. O índice de avellentamento

dado polo Instituto Galego de Estatística é de 491 por 100. Dito doutro xeito, hai 491

persoas maiores de 65 por cada 100 menores de 16. En termos totais en Antas temos

140 menores de 16 anos fronte 773 persoas maiores de 65". Con este datos na man, sinala que "este perfil demográfico debuxa un presente (e unha tendencia de futuro) no que unha gran cantidade de persoas do total da nosa poboación se atopa en idade anciá, un momento no que as necesidades de coidados se acentúan".


Así mesmo, recalca que "no que se refire ao coidado da terceira idade, en Antas de Ulla contamos cun servizo de apartamentos tutelados, que na actualidade pode acoller a unhas 15 persoas. Ademais, tamén está en funcionamento o servizo de atención no fogar (de xestión municipal), unha prestación de carácter fundamental para atención de proximidade. Con todo, non dispoñemos de centro de día, tendo que desprazarse a outros Concellos os veciños e veciñas que precisan deste servizo. No 2009 o goberno local chegara a comprar unha parcela para a implantación dun centro de día, mais o proxecto nunca chegou a materializarse", lamenta.


Ademais, lembra que no pasado mes de setembro esa mesma parcela foi cedida ao Sergas para construír un novo centro de saúde, quedando paralizado indefinidamente o

proxecto do centro de día. "Os centros de día son unha ferramenta de gran utilidade para asegurar unha boa prestación de coidados ás persoas maiores. Permiten ofrecer unha atención integral sociosanitaria durante o período diúrno ás persoas en situación de dependencia ou en risco de estalo, mellorando o seu nivel de autonomía sen afastalas da súa contorna familiar e apoiando ás súas familias e persoas coidadoras. Así que, no que toca á nosa parte: dende AVA seguiremos insistindo na necesidade de poñer en funcionamento un centro de día, un servizo de coidados imprescindible nun entorno coma o noso, en declive demográfico e cunha constante alza do avellentamento".


A finca que se ía destinar á construción dun centro de día e que fai uns meses se cedeu á Consellería de Sanidade para levantar o novo centro de saúde.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page