A formación independente mostra a súa “incomodidade” ante o decreto emitido por Alcaldía no que se retira a competencia sobre a Festa do Queixo
Ecos da Comarca/Arzúa
Alternativa por Arzúa, forza independente que conforma o tripartito que goberna en Arzúa, amosa a súa “incomodidade e desacordo absoluto” ante o decreto emitido por Alcaldía no que se lle retira a competencia sobre a Festa do Queixo. “O BNG tivo que optar polo decreto ao non estar de acordo Alternativa nin o PSOE nesta postura que contribúe a tensar o goberno tripartito”.
Ao fío disto sinalan unha “falta de empatía por parte do BNG cara os seus compañeiros de goberno que levan 17 anos organizando a festa sempre con cifras de venda e asistencia exitosas ademais duns carteis co último do panorama musical”. “Se imperase o sentido común e o interese pola política institucional, este decreto vergoñento sería inmediatamente retirado”, afirman os independentes
Publicidade
Con todo, desde Alternativa sosteñen que darán continuidade ao pacto porque “máis alá da Festa do Queixo hai outras cuestións tamén prioritarias”:
A adaptación e mellora dos viais das parroquias ás novas circunstancias do tráfico derivado da agricultura. Neste aspecto, Alternativa quere recordar que “aínda que o PP de Arzúa quere sacar o maior rédito posible ás fochancas, en vez de fotos, podía pedir á Xunta de Galicia, gobernada por este mesmo partido, máis axuda para este obxectivo”.
Dotar ao núcleo urbano de máis auga potable coa construción dun novo depósito xa que as necesidades de Arzúa na actualidade “non son as mesmas que hai cincuenta anos”.
Mellorar o funcionamento dos servizos municipais malia aos recortes do PP en Educación e Sanidade e coas trabas impostas por este mesmo partido para a contratación de persoal.
Continuar a desenvolver a “ambiciosa” programación cultural pola que Arzúa “é
referente”.
Ademais, desde Alternativa por Arzúa trasladaron ás demais formacións do tripartito a “necesidade dun cambio urxente no xeito de comunicar as cuestións do Concello, facendo máis fincapé na labor conxunta”. Neste punto Alternativa exemplifica isto na recente noticia sobre a Área Fluvial de Ribadiso: “obviouse que en 2021 e 2022 a licitación quedou deserta pero si saíu a concurso e que gran parte das obras se fixeron á conta dunha subvención da concellaría de Turismo, con Begoña Balado á fronte. E, por suposto, foi posible grazas ao remanente que deixamos o goberno bipartito Alternativa-PSOE”.
Un goberno de diálogo
Desde Alternativa por Arzúa sosteñen que a súa “idea de pacto” se basea na “oportunidade de demostrar que tres forzas políticas que non concordan en todo poden atopar ideas comúns e camiñar xuntas sen que sexan necesarias grandes maiorías para que un goberno funcione”. Desde a formación subliñan que “o seu compromiso con esta idea evidénciase en que, malia ter os mesmos concelleiros ca o BNG non “deron a batalla nas negociacións pola Alcaldía” e, en aras da concordia, cederon obras a BNG e PSOE”.
Publicidade
Así, os independentes recalcan ao BNG que “un goberno tripartito non pode desenvolverse en base a decretazos para impoñer a vontade dunha parte” senón “traballar de xeito coordinado e respectando a maioría do parecer do equipo de goberno”. Ademais, desde Alternativa afirman que “son conscientes” do “cambio na política municipal e comarcal que suporía a entrada doutras forzas políticas” e agardan que os
seus compañeiros de goberno tomen consciencia disto para poder seguir adiante xuntos.
Comments