Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Alfonso Rueda reuniuse no Pino con representantes da Asociación Galega de Albergues Privados

Entre hoxe e o pasado xoves rexistráronse máis de 1.600 Compostelas, cando en todo abril do ano pasado foron pouco máis de 1.000, o que confirma a reactivación das rutas


Laura Moure/O Pino

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou hoxe os bos datos de afluencia que está a rexistrar o Camiño de Santiago unha vez superadas as restricións pola pandemia, como o demostra o feito de que só na primeira fin de semana de abril se rexistraran máis peregrinos que en todo o mes de abril do ano pasado. Alfonso Rueda deu a coñecer estes datos nunha reunión que mantivo en Pedrouzo (O Pino) con representantes da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) aos que informou de que, entre o día 1 e 4 do mes de abril recolleron a Compostela algo máis de 1.600 peregrinos, cando en todo abril do 2021 rexistráronse pouco máis de 1.000. Para o responsable de Turismo da Xunta de Galicia, é unha proba máis das boas perspectivas que se presentan para o Xacobeo e para os negocios do Camiño nos meses máis potentes do Ano Santo.

O vicepresidente primeiro subliñou no encontro que tanto as boas previsións como os bos datos turísticos acadados en Galicia no segundo semestre do 2021, cando a comunidade liderou a recuperación turística en España, son consecuencia dun esforzo colectivo da sociedade galega. “Tamén voso -indicou aos representantes dos albergues privados- que entendestes os sacrificios que tivemos que facer pechando os albergues nos peores meses da pandemia ou restrinxindo os niveis de ocupación. Entendestes que eran medidas necesarias para que callase a idea de que Galicia era un destino seguro e que ían en beneficio de todos”. Por iso, ao seu entender, as boas perspectivas confirman “que agora imos recoller os froitos dun traballo colectivo”.

Rueda confiou tamén en que a crise económica e os efectos do conflito bélico en Ucraína non teñan efectos negativos no turismo galego, porque se trata dun destino que responde ás necesidades dos turistas actuais nas actuais circunstancias, “con lugares abertos e non masificados e unha oferta de calidade que confirman que Galicia está de moda”.

O vicepresidente primeiro e os representantes de Agalber analizaron novas liñas de colaboración para a reactivación do sector no marco das cales a Xunta destinará este ano 500.000 euros para a mellora e dixitalización dos seus establecementos.


Campaña de promoción

A Xunta de Galicia estivo en todo momento do lado dos sectores que máis sufriron as consecuencias da pandemia e, no caso dos albergues privados, asinou co Agalber un convenio para a posta en marcha dunha campaña de promoción dos seus aloxamentos. Ademais, os empresarios do sector puideron beneficiarse tamén doutras iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para adaptar os seus negocios aos protocolos sanitarios e adaptarse ás novas circunstancias. O obxectivo, como recalcou Rueda, é que afronten os mellores meses do Xacobeo preparados para recibir a turistas e peregrinos na medida na que indican as boas previsións para o sector, adiantados xa polo bo nivel de reservas para a Semana Santa que auguran os seus responsables.


A Xunta avanzou xa no que vai de ano axudas para que a mellora dos establecementos turísticos e para as infraestruturas turísticas dos concellos, e prevé nos vindeiros meses aprobar novas medidas referentes ás melloras das rutas xacobeas e dos aloxamentos do Camiño, así como achegas para a mellora da calidade turística e campañas de promoción por un importe superior aos 6 millóns de euros e das que se poderán beneficiar tamén os albergueiros. “Seguimos avanzando na colaboración público-privada porque está a dar moi bos froitos en beneficio da sociedade galega”, indicou Alfonso Rueda.

84 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE