top of page

Alecrín, a asociación de mulleres rurais da comarca de Melide, supera os 600 socios

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O 23 deste mes cumprirá seis anos e ofrece un amplo abano de actividades para todas as idades e gustos

Membros de Alecrín nunha saída.


Laura Moure/Melide

O 23 de abril do 2015 nace en Melide a primeira asociación de mulleres rurais da Comarca Terra de Melide: Alecrín. Está formada por mulleres con gañas de crear un proxecto común entre todas. A día de hoxe xa son máis de 600 persoas que forman parte deste colectivo. Ademais, é unha asociación moi activa, que programa variadas actividades e pensadas para toda a familia.


"Na actualidade somos 648 soci@s, o 90% mulleres", apunta a presidenta da asociación, Aurora Fernández. Este colectivo, que está a punto de cumprir seis anos, ten tan boa acollida porque destaca pola súa gran labor. Só con darse unha volta polo seu perfil de Facebook calquera pode facerse unha idea da cantidade e da variedade de propostas que oferta. Ademais, as fotos de pratos e sobremesas que elaboraran tanto grandes coma pequenos no seu obradoiro de cociña abren o apetito a calquera hora.


Así mesmo, este colectivo non pasa por alto as distintas tradicións e festas e aproveita cada ocasión para desfrutalas: Entroido, Nadal, San Valentín... Ademais da celebración destas datas, nas que tampouco faltan a elaboración de pratos típicos, a saúde tamén é moi importante para esta asociación e pilates, ioga ou senderismo son algunhas das actividades que contribúen a isto.


E non nos podemos esquecer de que Alecrín recoñeceu, en máis dunha ocasión, a traxectoria doutras mulleres rurais e asociacións da comarca aproveitando a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, aínda que este ano a celebración foi diferente a causa do coronavirus, pero non por iso, pasou por alto esta xornada de reivindicacións.


No mes de marzo retomouse a actividade da asociación aprazada debido á pandemia que paralizou todo o mundo. Así volve acoller distintas iniciativas en locais desinfectados e aportando a máxima seguridade e cumprindo todas as medidas hixiénico sanitarias. O amplo abano de actividades confórmano: Ioga, pilates de solo, pilates con hipopresivos, danza contemporánea, cociña para adultos e para nenos, ganchillo, calceta e ptchword, corte e confección, senderismo, Alecrín Saudable, cestería, ilustración para nenos e tamén para adultos, zumba e yumping para grandes e pequenos e diversas xornadas e talleres.


"A cota de soci@s anual é de 10 euros", apunta Fernández e os interesados poden obter máis información a través do correo electrónico acomarcaterrademelide@gmail.com


Sen dúbida, Alecrín fai unha labor importantísima e moi comprometida que contribúe á vida social da contorna e seguro que seguirá medrando ano tras ano porque aínda lle queda moitas velas por soprar.

O colectivo acolle distintas actividades.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page