top of page

Aldesa comprométese co Concello de Agolada e cos afectados a revisar a alternativa á LAT de Carmoega

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Un dos responsables desta empresa asistiu a unha reunión no Consistorio e despois visitou esta parroquia agoladesa


Laura Moure/Agolada

O salón de plenos de Agolada acolleu este luns unha reunión con un dos responsables da empresa promotora, Aldesa Enerxía Renovables de Galicia, Gerónimo de Angulo Hidalgo. Era un encontro moi agardado e que xa anunciara o alcalde agoladés, Luis Calvo, a principios deste mes. Ademais de Angulo e Calvo, estiveron presentes o concelleiro do Rural, Manuel Hilario García, o edil de Obras, Pedro García; Antonio Núñez e Gerardo García, ambos pertencentes á Consultora Ambiental Portulano Medioambiente, e algúns dos afectados pola Liña de Alta Tensión (LAT) que afectará ao Val de Carmoega, que viñeron en representación do resto de veciños.

Asistentes á reunión no salón de plenos de Agolada.


"Tratamos que a liña pase con menos afeccións posibles e miraremos todas as

alternativas que sean viables", indicou de Angulo. Marcial Barral, un dos afectados, recalcou que a liña cruza dende A Feira Nova, A Filgueira e Eirexe cara a Santoandré, baixando ata as sebes de bosque de ribeira e sobreiras que medran entre prados por onde discorre o río Arnego. "Somos conscientes de que por onde provocaremos menor afección posible é pola zona estreita", incidiu de Angulo.


Os afectados trasladaron no encontro a proposta dun trazado alternativo que está validado polo biólogo lalinense Martiño Nercellas. Gerardo García explicou que ante estes proxectos é necesario ter en conta dúas perspectivas: unha é a medioambiental "polo tanto habería que estudar o trazado alternativo que propoñedes" e por outra banda, o problema legal. "É obrigatorio facer a menor afección posible dentro do límite proposto legalmente, independentemente do valor ambiental legal que teña". Por iso, inciden en que desbotaron o resto de alternativas e se quedaron coa proposta pola empresa. "E de feito, non

propuxemos unha alternativa rectilínea, entre outros aspectos, por minimizar a

afección, e probablemente, fose a máis barata para a empresa", confesou Gerardo García e tal e como lle suxeriron os afectados.


“As propostas hai que xustificalas moi ben. Polo tanto, sería cuestión de estudar a alternativa que propoñedes e demostrar que é mellor esta ca outra, pero hai que xustificalo e ter en conta o impacto ambiental, pero tamén o legal, e de ser así pode ser considerada”, engadiu García, quen lembrou que hai que ter en conta tamén os xacementos arqueolóxicos da zona.


O mandatario agoladés preguntoulle a de Angulo se se comprometía así a analizar a proposta presentada polo afectados. “Por suposto que si, eu non me podo negar a estudar ningunha alternativa sempre que teñan unha base que eu poida defender ante a Administración”. O rexedor tamén abordou a posibilidade de soterrar a LAT. “Moitas veces o soterramento ten maior afección ambiental que as liñas aéreas”, respondeu de Angulo.

Visita á parroquia de Carmoega.


Así mesmo, Calvo tamén lle preguntou sobre as compensacións económicas para os afectados. “Agora mesmo non teño datos económicos, pero o que si vos digo e que se van mirar cada caso”, indicou de Angulo, quen se ofreceu a visitar o Val de Carmoega para coñecer a zona in situ. Así que tras terminar o encontro, a maioría dos asistentes desprazáronse a esta parroquia agoladesa. O obxectivo é chegar a un acordo que sexa favorable para todos e sobre todo, intentar ir na mesma dirección.


Cabe mencionar, que Agolada acolleu este luns tamén unha concentración silenciosa ante o Consistorio en repulsa da violencia de xénero. Foi unha acción que se levou a cabo en varias cidades e estiveron promovidas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O mundo enteiro está consternado polo cruel desenlace das pequenas de Tenerife Anna e Olivia. Pero por desgraza, non é o único caso lamentable das últimas horas. Rocío, unha moza de 17 anos, foi asasinada en Sevilla e en menos dun mes, arrebatáronlles a vida a cinco mulleres, unha delas embarazada, e tamén á pequena Yaiza.


Na concentración de Agolada tamén estiveron presentes os asistentes á reunión pola LAT, xa que dito encontro empezou xusto uns minutos antes da hora prevista para realizar a protesta.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page