Alba Forno reclama que se recupere a colaboración económica do Concello con Roteiros de Lalín
- ecosdacomarca

- 12 sept 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal socialista de Lalín, Alba Forno, reclamoulle onte ao goberno local que recupere xa para o ano 2026 o convenio de colaboración económica con Roteiros de Lalín e que incremente a dotación que anteriormente ascendía a 5.000 euros.
Forno salientou que “non se pode entender que un dos colectivos que máis leva feito por atraer visitantes, divulgar e coidar o noso patrimonio, recuperando sendeiros e vellos camiños, fomentando o coñecemento do noso rural e dándolle vida, quede sen apoio municipal para o desenvolvemento da súa actividade”. Neste sentido, lembrou que este 2025 cúmprense dez anos do nacemento da iniciativa, polo que considera máis xustificado ca nunca reforzar a súa colaboración.

A voceira socialista lembrou que foi o goberno de Crespo quen decidiu eliminar unilateralmente a axuda que se lle viña ofrecendo a este colectivo, “sen ningunha motivación real salvo o carácter político”. Forno criticou que, cando os socialistas xa levaran a pleno a recuperación do convenio, a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, "non dera ningunha razón de peso para xustificar a eliminación, chegando incluso a acusar ao presidente de Roteiros de Lalín de “dedicarse a facer política”".
Forno destaca que Roteiros de Lalín foi unha das iniciativas cidadás máis exitosas das últimas décadas, nacida pola iniciativa de Nicolás González Casares durante o goberno de coalición. “É un proxecto que xungue deporte saudable, divulgación do territorio e da paisaxe, recuperación do patrimonio e atracción turística”, indicou, lembrando que boa parte do material turístico co que conta o Concello procede precisamente deste colectivo.
Publicidade
Ademais, a voceira socialista denunciou que “mentres outras entidades privadas con ánimo de lucro que traballan no eido do turismo e da divulgación etnográfica reciben cada ano cuantiosas axudas nominativas, a unha asociación sen ánimo de lucro, que funciona grazas ao voluntariado e que leva o nome de Lalín por todas partes, retíraselle unha colaboración máis que merecida”.
Forno concluíu insistindo en que unha axuda nominativa a Roteiros de Lalín é totalmente compatible con que o colectivo poida optar tamén ás convocatorias de apoio a clubs deportivos, polo que “non hai escusas para que o Concello dea marcha atrás e recupere xa en 2026 unha colaboración imprescindible para seguir poñendo en valor o noso territorio”.







Comentarios