A candidata socialista á Alcaldía ademais promete subvencións as ANPAS para levar a cabo actividades extraescolares que poidan ter un custe elevado coma Robótica, Creación Dixital ou Xadrez
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata dos e das socialistas lalinenses, Alba Forno, propón que o modelo de vila
debe avanzar tamén no eido da independencia dos nenos e nenas con Camiños
Escolares Seguros que permitan aos cativos desprazarse aos centros educativos,
promovendo a actividade saudable de camiñar ao tempo que se mellora nas posibilidades
de conciliación das familias.
“Quero que pais e nais se sintan seguros cos seus fillos desprazándose polo seu propio
pé aos centros educativos, para iso traballaremos coas ANPAS no deseño deses
Camiños Escolares Seguros ao tempo que se melloran as rúas e a infraestrutura urbana
para consolidar esta opción”, indica Forno. Para o PSdeG-PSOE de Lalín esta é unha
opción óptima para as familias que gañan en conciliación ao tempo que os rapaces
adquiren hábitos saudables e gañan independencia.
“É unha medida que funciona xa noutras vilas coma Santiago de Compostela. Isto permite mellorar a mobilidade e seguridade viaria nas áreas escolares, outorgando prioridade á mobilidade peonil e aos vehículos de transporte colectivo”. As beirarrúas nesas zonas terán un mínimo de 2,5 metros para facilitar o tránsito de peóns e farase a sinalización precisa para crear estas rutas. Compre lembrar a forte aposta polas posibilidades de conciliación da vida familiar que quere levar a cabo Alba Forno como alcaldesa, pois ademais dunha nova Escola Infantil e un Centro de Conciliación no antigo Centro de Saúde, preténdese apostar pola mobilidade segura dos máis novos.
Por outra parte, para mellorar as posibilidades de conciliación da vila, o PSOE
propón que de xeito inmediato se habilitarían partidas para colaborar coas ANPAS para a
posta en marcha de actividades extraescolares que, polo elevado custe que puideran
supoñer, poidan ser afrontadas polas familias coa colaboración do Concello. Así a candidata socialista cita actividades como Robótica, Creación Dixital ou Xadrez
como algunhas das posibilidades e afirma que o traballo coas familias tanto no eido dos
Camiños Escolares e a Conciliación vai ser estreito “pois como nai de dous cativos
entendo que Lalín precisa dar un verdadeiro salto adiante en conciliación, que é unha das
grandes demandas que hai nestes intres”.
Ademais, lembra que dende o Concello a xestión deste servizo "está sendo caótica, posto que as convocatorias para solicitar as prazas saen tarde, moitas veces as bases non están claras e mesmo vimos como mermaron as prazas da piscina para as ANPAS, unha actividade que é fundamental nos primeiros anos dos nenos/as e isto non se pode permitir”, destaca a candidata socialista.
Comments