O PSOE de Lalín tamén propón mellorar a calle Pintor Laxeiro dende a Luis González Taboada ata o ambulatorio e a rúa Vidal Abascal
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín a través da súa candidata á Alcaldía, Alba Forno, vén de propoñer a
humanización da rúa Ramón Aller para dotala de máis espazo para os peóns, darlle
infraestrutura e crear unha verdadeira continuidade urbana peonil ata Donramiro, hoxe
interrompida pola ausencia de xestión neste eido.
Para a candidata socialista “non é de recibo que en pleno núcleo urbano de Lalín haxa
unha rúa tan importante como a Ramón Aller que carece de beirarrúas en varias zonas e
noutras ten un ancho polo que non colle unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé”.
Alba Forno faise eco das continuas demandas veciñais da zona e considera que “se
poden ampliar beirarrúas sen reducir aparcamento, hai unha calzada ancha e hai que
liberar a rúa de tráfico pesado que aínda segue pasando por ela. Non é unha rúa segura
agora mesmo”.
Ademais a candidata socialista pretende incluír nesta reforma urbana a rúa do Tirabeque,
ancheando e dotando de beirarrúas a esta rúa que conecta o centro coa zona do
Concello: “É unha vergoña como está agora”. O proxecto de Ramón Aller complétase coa
ampliación da cuberta verde da rúa e zonas de calmado de tráfico en cruces como o da
Molinera. “Cremos que Ramón Aller debe continuar sendo unha rúa con circulación, pero
hai que aliviar o tráfico, gañar espazo para os peóns e facela máis amable ,ese é o
obxectivo fundamental”, afirma Forno.
Ademais, dende a candidatura socialista tamén se pretende avanzar na humanización de
outras dúas rúas que se quedaron atrás como a rúa Pintor Laxeiro “que na zona que vai
dende a Luis González Taboada ata o actual Centro de Saúde ten zonas polas que non
collen dous peóns”, ou a rúa Vidal Abascal, mellorando de paso a entrada traseira do IES
Laxeiro.
Dende o grupo socialista remarcan que no seu modelo de vila “darase prioridade aos
peóns e mellorarase a seguridade urbana e accesibilidade das beirarrúas. Traballaremos
neste eido para facer de Lalín un espazo seguro, adaptado aos tempos e no que as
persoas teñan prioridade fronte aos vehículos, que sempre será a nosa liña de política”,
conclúe a candidata á Alcaldía.
Comments