Alba Forno presenta un plan de mobilidade sostible cos proxectos de bus e taxe Lalín 360
“Facilitarán a vida da nosa veciñanza, mellorarán a conciliación familiar e permitirán potenciar o noso rural. Ademais de que son altamente demandadas e noutros municipios teñen éxito”
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín presentou este venres dúas medidas do seu Plan de Mobilidade Sostible co que se presentará aos comicios de maio: Trátanse do Bus Lalín 360 e o Taxi
Lalín 360. Na presentación estiveron presentes o eurodiputado lalinense, Nicolás González Casares, a concelleira María Iglesias e a candidata á Alcaldía, Alba Forno.

“Como dixen cando me presentei a este posto é que escoitar á veciñanza ía ser unha das
miñas premisas e isto que presentamos hoxe é unha demanda que levo escoitando tempo
e que queremos que sexa unha realidade”, indicou a candidata. Así mesmo, destacou que
facilitarlle a vida á nosa veciñanza en xeral é un dos nosos obxectivos por iso cremos que
medidas coma estas son necesarias para as familias, para os nosos maiores, para o noso
comercio e para todos e todas as que vivimos nesta vila”.
Unha das iniciativas é o Bus Lalín 360, que contempla bus urbano que servirá para conectar puntos clave como pode ser o CIS, as instalacións deportivas, os polígonos
industriais, as áreas comerciais, auditorio e mesmo os tanatorios, que se atopan
alonxados do casco urbano. Esta liña contaría cuns horarios fixados, sería circular e estaría en funcionamento boa parte do día. “Hai xente maior que vive no noso casco urbano que para asistir a unha cita médica precisa dun taxi, co gasto que iso leva. O bus tería unha tarifa axustada e mesmo se poderían facer bonos ou sufragar os seus gastos para aquelas persoas máis vulnerables. Ademais, fomentaría a conciliación familiar xa que permitiría á mocidade empregalo para asistir ás actividades sen necesidade de que as nais os leven ata as instalacións”, analizou Forno. Así mesmo, sinala, "en períodos estivais poderíanse establecer uns horarios para potenciar o noso turismo. De xeito que o bus saia cara a espazos como Pozo do Boi o Pazo de Liñares ou a Fraga de Catasós".
O Taxi Lalín 360 estenderase ao rural e será baixo demanda. "É unha medida que xa se implementou noutros lugares e que está a funcionar e ten unha alta demanda pola
veciñanza. Deste xeito potenciaríase o noso rural e poñeríase en valor, ademais de
conectalo co casco urbano, que moitas veces non é tan sinxelo”, afirmou Iglesias.
Principalmente está dirixido a persoas maiores, con mobilidade reducida ou que non
teñen recursos. Estableceríanse unhas bases e todas aquelas persoas que queiran
solicitalo sería a través do Concello, que unha vez aprobado lle outorgaría un número de
vales para poder empregalo. Logo, dende a administración estableceríase un convenio co
colectivo de taxistas e segundo as viaxes que fagan cobrarán. Estes vales poden ser compartidos, polo que se aforraría e permitiría que usuarios/as sufragar o copago (que
será reducido) conxunto e aproveitar este servizo”, aclarou a concelleira.
Ambas medidas forman parte dun Plan de Mobilidade que ten por obxectivo facilitar a vida da cidadanía, mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural e no casco urbano, ademais de fomentar o turismo e dinamizar economicamente a vila. "Por suposto, ambas serán sostibles e servirán para combater o cambio climático", recalcan.
Finalmente, Nicolás G. Casares puntualizou que hai liñas de axuda, como a que saíu
recentemente, que facilitarían o financiamento desta medida. Por exemplo, recentemente,
sacaron unha subvención para autobuses eléctrico, que será o que se contemplará para esta medida. “Cando Alba chegue a Alcaldía poderá poñelo en marcha e de seguro
haberá novas liñas de financiamento, tanto para a adquisición de vehículos como para
sufragar gastos desta iniciativa”.