Alba Forno pide “prioridades, planificación e transparencia” na promoción exterior do Cocido
- ecosdacomarca

- 29 abr
- 2 min de lectura
“O que nos traslada a xente na rúa é que está farta de que se gasten os cartos públicos neste tipo de “saraos” que no aportan nada, mentres as principais necesidades da cidadanía seguen sen cubrir", sinala a socialista
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal socialista, Alba Forno, reclama “transparencia, planificación e prioridades claras”, nas accións de promoción exterior vinculadas ao Cocido de Lalín, tras o recente acto celebrado en Nova York. Forno sinalou que “ninguén discute que Lalín debe promocionarse máis alá das súas fronteiras”, pero advertiu de que “esa promoción ten que responder a unha estratexia clara, con obxectivos definidos e, sobre todo, con avaliación de resultados, algo que non estamos vendo”.
Neste sentido, cuestionou que cocidos en Miami ou en Nova York “se presenten sistematicamente como grandes éxitos, mentres Crespo nunca rende contas con datos obxectivos e medibles, do retorno real teñen para a vila”. Neste contexto, lembrou o cocido celebrado en Miami en 2022, ao que foron convidados varios empresarios de Lalín e do que “máis aló de fotos bochornosas e titulares, seguimos sen coñecer resultados concretos para o noso concello”.
PUBLICIDADE
Forno engadiu que “o que estamos percibindo na rúa, o que nos trasladan veciños e veciñas, é o seu cansazo ante este tipo de actos de autobombo baixo a escusa do Cocido”. Neste sentido, sinalou que “hai unha sensación clara de que “se están destinando cartos a “saraos” que non teñen un impacto real, mentres se desatenden
necesidades prioritarias do día a día, como os servizos públicos, a vivenda ou o
apoio á actividade económica e o ao comercio local”. Así, desevelou tamén o recente gasto na comida oficial da pasada Feira do Cocido, sinalando "que supuxo un gasto de arredor de 6.000 euros de cartos públicos".

Doutra banda, a voceira sinalou tamén que para recoñecer á xente de Lalín “cunha capa de comendador” non fai falla ir a Nova York e cualificou como “obsceno” que a Xunta lle pague a viaxe a Nova York a un conselleiro da Estrada para que o Concello de Lalín lle poña unha capa. “O noso modelo é diferente, para nós o recoñecemento á nosa tradición e á xente de Lalín non require gastar o diñeiro de todos en grandes viaxes ao exterior, senón de traballo serio e resultados que a xente poida percibir”.
PUBLICIDADE
Forno advertiu de que “este tipo de decisións reforzan a sensación de que estamos
ante actos máis pensados para a foto e o autobombo que para unha promoción real e útil para Lalín”, e cuestionou tamén o criterio dalgúns nomeamentos realizados no exterior. “A promoción de Lalín debe centrarse en reforzar o propio e en xerar oportunidades para a vila, non en ampliar este tipo de actos sen unha estratexia clara nin un retorno definido”, indicou.
NOTICIA RELACIONADA:
López Campos erixe o cocido de Lalín como embaixador internacional da gastronómica de Galicia: https://www.ecosdacomarca.com/post/l%C3%B3pez-campos-erixe-o-cocido-de-lal%C3%ADn-como-embaixador-internacional-da-gastron%C3%B3mica-de-galicia








Comentarios