Alba Forno lamenta o deterioro da convivencia na rúa Álvaro Cunqueiro de Lalín
O PSOE reclama a apertura urxente da vía e o derrubo do edificio abandonado da SAREB
Ecos da Comarca/Lalín
Os socialistas de Lalín lamentan "o clima de crecente de inseguridade e malestar veciñal na contorna da rúa Álvaro Cunqueiro, onde un edificio abandonado de propiedade da SAREB está a converterse nun foco de problemas de convivencia". A voceira do PSdeG-PSOE, Alba Forno, sinala que a situación actual "é consecuencia directa da parálise do goberno local, que mantén pechada esta rúa por cuestións urbanísticas, impedindo que se integre na trama urbana. É imprescindible que se proceda á apertura inmediata da rúa Álvaro Cunqueiro. Co paso de vehículos e peóns, a zona cobraría vida e evitaríase que siga funcionando como espazo marxinado, sen vixilancia nin actividade, propicio para que medren conflitos sociais”, explicou Forno.

A socialista lembra que durante o mandato do goberno de coalición xa se avanzara neste
proceso e que “a apertura da rúa estaba practicamente lista, sen que se coñezan os
motivos polos que agora está completamente paralizada”.
Publicidade
Por outra banda, o PSdeG-PSOE insta ao Concello a iniciar de inmediato os trámites co SAREB para o derrubo do inmoble, que ademais de estar abandonado presenta graves problemas estruturais que afectan negativamente a edificios próximos: “Hai comunidades que levan anos tendo que achicar auga dos sotos polas filtracións que provoca este edificio, sen que o Concello faga nada ao respecto, a pesar de ter a competencia exclusiva en materia de disciplina urbanística”, apuntou Forno.
A voceira socialista lembra que xa na etapa de goberno progresista, o entón concelleiro de
Urbanismo, Nicolás González Casares, realizou múltiples xestións coa SAREB, incluído o
remate da vivenda no entronque entre Joaquín Loriga e Laxeiro, “pero agora nin sequera
se avanza nos procesos que xa estaban encamiñados”, denuncia.
Publicidade
Reunión coa veciñanza
Ante a preocupación crecente da veciñanza, o PSdeG-PSOE convocará unha xuntanza aberta co barrio para escoitar ás persoas afectadas e propoñer solucións de forma
conxunta. “A situación estáselle descontrolando ao goberno local e preocúpanos a
sensación de inseguridade que se está empezando a percibir en Lalín, mentres a Policía
Local está baixo mínimos”. Non se pode seguir mirando para outro lado”, concluíu Alba
Forno, mostrando a súa preocupación polo deterioro da convivencia nun municipio que
sempre foi exemplo de tranquilidade.









Comentarios