top of page

Alba Forno esíxelle solucións a Educación ante o perigo que corre o inicio de curso no Sciencia Lalín

Considera “inviable” a opción de deixarlle un baixo para realizar a actividade de escola infantil, “xa que calquera centro deste tipo ten que contar cunhas medidas específicas de seguridade, etc. que non se dan en ningún local que non estea habilitado para elo”


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira municipal dos socialistas de Lalín, Alba Forno, reclamoulle onte á Consellería de

Educación que dirixe o lalinense, Román Rodríguez “que se poña a traballar para buscar solucións ante o perigo que segundo diversas informacións corre o inicio de curso en Infantil, Primaria e ESO no Scientia Lalín”. Lembra que se trata de “ensinanzas concertadas e obrigatorias, polo que lle corresponde á Xunta atallar unha situación para que o curso comece con normalidade e, de non ser o caso, reubicar a todo o alumnado do centro”. A voceira do PSOE sostén que Román Rodríguez, como lalinense, debería estar ao tanto “debería ser coñecedor das problemáticas que hai nos centros educativos que non teñen prazas dispoñibles na nosa vila e ten que poñerse a traballar”.

Autor: Ecos da Comarca.

Forno tamén reclamou que Xunta e Concello intermedien de inmediato ante a falta de servizo de comedor no inicio do curso neste centro. “É sabido que moitas das familias que escolleron o Scientia Lalín para a educación dos seus fillos e fillas o fixeron polas facilidades de conciliación, tamén á hora de acceder ó comedor e vemos con moita preocupación que o curso poida comezar sen o servizo, pois vai afectar a moitísimas familias”.


A concelleira considera a situación do Scientia Lalín como “realmente preocupante”, alertando de que sen esta opción “serán moitos os pais e nais que teñan que deixar os seus postos de traballo para coidar dos cativos e cativas”. Recordou que “como denunciamos en moitas ocasións os socialistas, temos lista de agarda nas escolas infantís públicas da Galiña Azul; e a esa problemática súmase a actual, que o único centro privado que tiña este servizo, non comeza a actividade con normalidade, o que provoca que ducias de familias queden sen un servizo esencial e sen tempo para buscar outras vías para a conciliación”.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Forno considera inviable a opción de deixarlle un baixo para realizar a actividade de escola infantil, “xa que calquera centro deste tipo ten que contar cunhas medidas específicas de seguridade, etc. que non se dan en ningún local que non estea habilitado para elo, sen contar con que os nenos e nenas non se coidan sós, polo que precisaran profesionais traballando”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por último, a concelleira cualifica como “inconcebible que nun concello coma Lalín non teñamos prazas para a demanda nas escolas infantís públicas”. “Somos o único concello que ten lista de agarda e esta situación debería reverterse máis pronto ca tarde se o que queremos é fomentar a natalidade e fixar poboación, e a Consellería e a Xunta deberían tomar cartas no asunto e incluso se debería crear canto antes unha escola infantil municipal tal e como xa propoñíamos dende o PSOE de Lalín no ano 2019 e tal e como hai noutros concellos da contorna como pode ser A Estrada que ten unha poboación similar á de Lalín”.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page