Aseguran que multitude de familias volverán quedar sen este servizo ao non existir oferta suficiente
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE e o BNG de Lalín reclámanlle á Xunta de Galicia que se cubra todas as demandas presentadas nas escolas infantís deste municipio. Ambos partidos da oposición critican o anuncio do ente autonómico de que as guarderías son gratuítas cando hai persoas que non poden gozar deste servizo.
Así a voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, reclamálle á Xunta de Galicia que amplíe o número de prazas nas escolas infantís de Lalín debido a que, un ano máis, multitude de familias volverán quedar sen este servizo ao non existir oferta suficiente. Lembra que nas escolas infantís privadas tampouco hai prazas dispoñibles “polo que a conciliación será imposible para moitos pais e nais”.
Así, explica que a gratuidade na matrícula “tan pregoada pola Xunta non serve para nada cando tantos pais e nais se quedan fóra cada curso”. A voceira municipal asegura que existe gran malestar entre as familias e acusa ao goberno municipal do PP de mirar para outro lado e non facer nada ante a saturación que ano tras ano sofren as escolas da rede Galiña Azul.
Para Alba Forno falar de aumentar poboación nun concello coma Lalín cando non existen opcións de conciliación “é unha batalla perdida”, e sinala que Crespo "prefire calar ante a Xunta que velar polos intereses dos seus veciños e veciñas".
“Se eu fose alcaldesa non gastaría nin un céntimo nunha gran praza que ninguén pediu, mentres haxa un só neno ou nena sen praza nas garderías”, explica. Deste xeito, reclama que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar constrúa se é necesario novas aulas para dar cabida a todos os demandantes e, de non facelo, pídelle implicación ao Concello para construír unha escola infantil municipal, “tal e como levabamos os socialistas no noso programa electoral”.
Publicidade
Pola súa banda, o BNG de Lalín solicita tamén que non quede ningunha crianza sen praza nas escolas infantís. O pasado 6 de maio coñecéronse as listas de admitidos nas escolas
infantís da rede pública autonómica e, como é costume hai nenos e nenas que quedaron en lista de agarda por falla de prazas, feito que lamentan sen sorprenderse dende o BNG lalinense. "En total hai a frioleira de 20 nenos/as, repartidos entre a escola infantil do Pontiñas (12) e a do Polígono Lalín 2000 (8), todas elas comprendidas no tramo de idade de un a dous anos, que quedan agardando a praza que lles corresponde", xa que, segundo o grupo nacionalista lembran que “o goberno da Xunta de Galiza reitera ano tras ano, que a educación infantil no noso país é gratuíta dende setembro do 2022, independentemente da titularidade do centro, dato que evidencia unha clara vantaxe dos centros privados, ao lle ofrecer as mesmas condicións que aos públicos, favorecendo a cobertura das súas prazas”.
A organización nacionalista insiste en que “ano tras ano vemos como o compromiso da Consellería de Política Social é tan só de palabra, xa que sería necesario adicar diñeiro para a creación de novas prazas nas escolas de carácter público, onde todas e todos os nenos foran atendidos cun servizo de educación pública e de calidade garantido a través dos seus profesionais”.
Publicidade
Conciliar a vida familiar e laboral de pais e nais, sinala o Bloque, "ten que ser o obxectivo que se ten que marcar a administración, sobre todo, cando as crianzas aínda non se atopan en idade de escolarización obrigatoria. Para acadalo, temos que contar con escolas infantís que teñan adaptado o seu horario coa xornada laboral dos seus proxenitores, máis aínda no caso das que están situadas nos polígonos industrias como é o caso da Escola Infantil do Polígono Lalín 2000. Non podemos esquecer que as escolas infantís son centros educativos que desenvolven o seu labor no primeiro ciclo da educación infantil, isto é, a atención a nenas e nenos de 0 a 3 anos, proporcionando un servizo integral de conciliación a través dun programa que garante o pleno desenvolvemento das pequenas e pequenos".
Máis non se trata, apunta, "tan só dun problema de prazas, que por certo, é con diferenza o maior número de toda a comarca, hai outros engadidos, como é a falla de material pedagóxico, a mala xestión á hora de cubrir baixas facendo que os profesionais sufran durante días ratios practicamente insostibles, ou a redución de dúas horas e media que se adicaban á programación e das que agora non se dispón nas escolas infantís. É desa maneira como a Consellería trata de disfrazar un servizo educativo algo que é practicamente na súa totalidade de carácter asistencial".
“Chove sobre mollado, sen que os problemas se resolvan con plans adaptados ao país, a pesares de que a natalidade baixa e a fonda crise demográfica que sufrimos pide a berros medidas que favorezan a conciliación e as familias, sexan do tipo que sexan, con horarios nas escolas infantís adaptados na medida do posible á realidade de Lalín en concreto e con prazas abondas para que todos e todas gocen dun bo servizo neste eido, onde os nenos e nenas e as súas necesidades sexan os protagonistas”, declaran os nacionalistas, que lembra que este problema non é novo e temen que siga sucedendo pola falla de vontade política para darlle solución", recalca o BNG.
コメント