top of page

Alba Forno desvela que o goberno de Lalín "perdeu 420.000 € en axudas para conciliación e igualdade"

Considera escandaloso que se "tiren ao lixo estes fondos mentres a conciliación segue a ser unha misión imposible para moitos fogares"


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, desvelou onte "que o goberno local do PP perdeu un total de 420.000 euros en axudas do Plan Corresponsables da Xunta dirixidas a impulsar medidas e programas de conciliación das familias e a políticas de igualdade". Trátase, explica, dun “escándalo maiúsculo e moi difícil de entender, especialmente tendo en conta a grave problemática existente neste eido no noso concello, onde moitas familias quedan sen praza no Plan Concilia, onde as prazas nas escolas infantís son insuficientes e onde a conciliación segue a ser unha misión imposible para moitos fogares”.

FOTO

Alba Forno sinala que, tras detectar "un decreto sospeitoso no que se desistía da axuda de 2024", solicitou acceso aos informes dos técnicos municipais de igualdade e a todo o expediente. Foi así como descubriu que "non só se perdeu a subvención do pasado ano, senón que xa foran devoltas as dos dous anos anteriores, confirmando a total incapacidade do goberno do PP para xestionar recursos fundamentais para as familias de Lalín”.


Publicidade

ANUNCIO
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Devolveron, sen gastar un só céntimo, 150.000 euros no ano 2022, 135.000 en 2023 e outros 135.000 en 2024 de axudas, pertencentes ao que estaban destinadas a financiar accións para facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos de ata 16 anos, fomentar o emprego de calidade no sector dos coidados ou sensibilizar á sociedade sobre corresponsabilidade, entre outras moitas cuestións de carácter social", explica a concelleira.


Forno sostén que a concelleira de Política Social, Carmen Canda, ten moitas explicacións que dar "ante este desastre de xestión" e adiántase á posible resposta dun PP “especialista en culpar aos demais dos seus fracasos”. “Mentres Lalín tiraba ao lixo 420.000 euros, outros Concellos si que activaron medidas grazas ao Plan Corresponsables, demostrando que a falta de execución non foi por problemas administrativos ou burocráticos, senón por incapacidade e falta de traballo dun goberno que vive da propaganda, pero non xestiona”.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O PSdeG-PSOE critica que, "a pesar de contar cun elevado número de asesores e concelleiros con dedicación exclusiva, o goberno local sexa incapaz de xestionar fondos públicos que lle corresponden a todos os lalinenses". "Estamos ante un goberno que só se preocupa de vender fume, pero que é absolutamente incompetente cando se trata de facer políticas útiles para a veciñanza. Non moveron nin un papel para executar estas axudas, mentres as familias de Lalín seguen sufrindo a falta de prazas e servizos de conciliación", afirma Alba Forno.


A concelleira socialista considera que ao goberno do PP "lle debería caer a cara de vergoña ante a Xunta da súa mesma cor política ao presentarse para devolver a mesma axuda tres anos seguidos por pura desidia e irresponsabilidade. Perder case medio millón de euros que poderían mellorar a vida das familias de Lalín e fomentar a igualdade é unha mostra inequívoca de que o PP non está á altura das necesidades do noso municipio", conclúe Forno.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page