top of page

Alba Forno denuncia listas de agarda de máis de ano e medio nos cursiños de natación

A voceira socialista asegura que hai familias que están acudindo a concellos como Carballiño ou Chantada para poder acceder a este tipo de cursos para os seus fillos


Ecos da Comarca/Lalín

O PsdeG-PSOE de Lalín denuncia, unha vez máis, a situación “insostible” que están a sufrir numerosas familias do concello debido ás longuísimas listas de agarda existentes nos cursiños de natación do Lalín Arena, onde hai casos de persoas usuarias que deben esperar máis de ano e medio para poder acceder a unha praza ou buscar outras alternativas.

A voceira socialista, Alba Forno, considera que esta realidade evidencia “un fracaso evidente na planificación deportiva municipal” e lamenta que, pese ás reiteradas queixas das persoas usuarias “e das nosas propias reclamacións”, ao longo dos últimos anos, o goberno local continúe sen adoptar solucións reais e eficaces para responder á elevada demanda existente.


Hai uns anos, apunta, "que o Concello chegou a recoñecer a existencia de listas de agarda

acumuladas nos cursiños de natación, comprometéndose a impulsar medidas para reducir os tempos de espera. Porén, a situación, lonxe de mellorar definitivamente, continúa afectando a decenas de familias de Lalín. “Estamos falando dun servizo municipal básico, especialmente importante para nenos e nenas en idade temperá, e non é admisible que haxa familias esperando máis de dezaoito meses, e máis, para conseguir unha praza”, sinala Forno.


 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

O PSOE considera especialmente preocupante que esta falta de capacidade organizativa estea levando a moitos pais e nais a buscar alternativas fóra do municipio. “Segundo nos chegan a dicir, hai familias que están optando por desprazarse semanalmente a concellos coma Carballiño ou Chantada para que os seus fillos e fillas poidan asistir a cursos de natación”, detalla a voceira socialista.


Engade que é “absolutamente incomprensible” que isto suceda mentres o PP “presume constantemente das instalacións do Lalín Arena; non serve de nada ter unhas boas instalacións se despois os veciños e veciñas non poden acceder aos servizos por falta de planificación”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Cabe lembrar, salientan os socialistas, "que a aprendizaxe da natación non debe entenderse unicamente como unha actividade de ocio ou deportiva, senón tamén como unha cuestión relacionada coa saúde, coa seguridade e coa conciliación das familias. “A natación é unha actividade fundamental na infancia e o Concello debería garantir un acceso razoable e áxil a estes cursos".


Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Lalín reclama ao goberno municipal a adopción urxente de medidas concretas que permitan reducir as listas de espera e garantir un acceso digno aos cursos de natación. Entre outras cuestións, solicitan un reforzo do número de monitores, a ampliación de grupos de iniciación, unha mellor organización das quendas e unha maior transparencia na xestión das listas de agarda. “Os veciños e veciñas de Lalín merecen uns servizos públicos deportivos á altura do que pagan cos seus impostos. O que non pode ocorrer é que as familias teñan que resignarse a esperar anos ou a marchar a outros concellos para acceder a uns simples cursiños de natación”, conclúe.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page