Alba Forno denuncia esperas de ata 20 días para o médico de cabeceira en Lalín
- ecosdacomarca

- 1 may
- 2 min de lectura
A voceira socialista alerta dunha “sanidade que colapsada”
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal socialista, Alba Forno, denunciou onte a situación “dramática” da sanidade en Lalín, advertindo de que os tempos de espera para ser atendido polo médico de cabeceira están chegando “ata os 20 días en moitos casos”, nun escenario sanitario que cualificou de “inaceptable”.

Forno sinalou que “hai non tanto tempo, unha persoa chamaba ao centro de saúde e era atendida no día ou ao día seguinte”, mentres que agora “hai que esperar semanas e isto é algo que non se pode normalizar”.
A voceira municipal tamén alerta da situación no Punto de Atención Continuada (PAC), onde, segundo indicou, “é habitual que quede sen médicos porque o único profesional dispoñible en moitas ocasións ten que saír a cubrir urxencias fóra”. “Iso provoca que haxa persoas que acoden a urxencias e quedan sen atención ou teñen que agardar moitas horas para seren atendidos”, advertiu.
PUBLICIDADE
Neste contexto, Forno pon o foco na falta de melloras reais a pesar da apertura do novo centro integral de saúde (CIS). “Temos un edificio novo, pero case dous anos despois todo segue igual que no vello ambulatorio, non hai máis médicos, non hai ningunha das especialidades anunciadas, non hai novas probas diagnósticas, non hai máis medios humanos nin tecnolóxicos, nin máis servizos. Só cambiou a fachada”, afirma.
Para a voceira socialista, esta situación “é o resultado dunha política sanitaria da Xunta do PP que non está funcionando” e criticou a falta de implicación do goberno local. “Mentres a sanidade empeora, Crespo permanece calado e está máis pendente de cocidos en Nova York que das necesidades reais da veciñanza”, sinala.
PUBLICIDADE
Finalmente, Alba Forno advirte de que “a sanidade de Lalín non pode seguir así” e reclamou medidas urxentes para reforzar a atención sanitaria. “A sanidade non é un luxo, é un dereito, e o que temos hoxe non é unha atención sanitaria digna”, concluíu.








Comentarios