Alba Forno comprométese a poñer en funcionamento o albergue do Manuel Rivero no vindeiro mandato
A candidata explica que será un dos eixos estratéxicos do programa socialista no ámbito turístico de Lalín
Ecos da Comarca/Lalín
O candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, reafirmou este xoves o seu compromiso coa construción dun albergue público municipal na zona do Manuel Rivero durante o vindeiro mandato. “Este é un proxecto bo para Lalín no que os socialistas cremos
firmemente porque xerará dinamismo económico e social e por iso figurará no noso programa electoral como unha das medidas estratéxicas e irrenunciables no eido do
turismo sustentable”, explicou. Ademais, o novo edifico incluirá no andar baixo unha sala de usos variados na que poderán realizarse eventos ou encontros veciñais ou de asociacións, que a día de hoxe non teñen cabida en ningún outro inmoble municipal.

A candidata do PSOE lamentou que o actual alcalde, José Crespo. eliminase este proxecto de futuro promovido polo anterior goberno “por satisfacer os intereses económicos privados de hostaleiros que curiosamente acabaron indo na súa lista electoral, cuestión que demostra o xeito caciquil co que o PP segue entendendo a política”.
Non obstante, Alba Forno sinala que “está demostrado que estas instalacións non representan unha competencia desleal ás hospedaxes privadas, senón que son un eixo para a atracción de peregrinos e, polo tanto, para a xeración de riqueza e dinamismo na vila e acaban beneficiendo tamén aos establecementos próximos”.
“Non sabemos se o alcalde tamén considera competencia desleal a acollida de centos de peregrinos no pavillón municipal cada verán”, pregúntase, ao tempo que asegura que todas as vilas con peso no Camiño teñen albergues públicos moi utilizados e Lalín conta dende hai moitos anos co de A Laxe sen que isto supoña un prexuízo para ninguén”.
A socialista recorda que xa hai un proxecto técnico para a construción desta
infraestrutura, tamén hai parcela acondicionada tras unha demolición para a súa creación e que, ademais, se humanizou a rúa ao abeiro do programa Lalín Ssuma 21, polo que, de non executarse o albergue, a iniciativa quedaría coxa.
A candidata á Alcaldía explica finalmente que para a construción do albergue se botará man de financiamento doutras administracións, pero sinala, en concreto, que “temos a favor a presenza na Xunta dun conselleiro de Turismo lalinense que ten que mollarse e aportar os fondos necesarios para que a nosa vila non teña que renunciar a unha infraestrutura pública tan importante para a atracción de peregrinos e para a xeración de dinamismo económico”.