Alba Forno celebra o anuncio sobre a implementación de bonificacións na peaxe da AP-53
- ecosdacomarca
- 18 dic 2024
- 2 Min. de lectura
"Unha medida histórica do Goberno de Pedro Sánchez, que cumpre coa nosa comarca e vai facer o que nunca faría o PP, rebaixar a peaxe dando resposta a unha demanda histórica de Lalín e de todo o Deza", sinala a voceira socialista
Ecos da Comarca/Lalín

A secretaria xeral dos socialistas de Lalín, Alba Forno, celebra o anuncio sobre a implementación de bonificacións na peaxe da AP-53, prevista para o primeiro trimestre de 2025, como “unha medida histórica do Goberno de Pedro Sánchez, que cumpre coa nosa comarca e vai facer o que nunca faría o PP, rebaixar a peaxe dando resposta a unha demanda histórica de Lalín e de todo o Deza”.
Publicidade

Forno recordou “o agravio que supón o custo desta autoestrada, que foi imposto polo Partido Popular, quen construíu, privatizou e deixou as tarifas desorbitadas que aínda hoxe sufrimos”. “Durante os anos do goberno de Rajoy ignorouse este problema, demostrando unha total falta de interese por corrixilo. Agora, é o Goberno socialista quen toma a iniciativa e cumpre para corrixir unha inxustiza que o Partido Popular creou e nunca se molestou en solucionar”.
Forno lembra que o alcalde de Lalín, José Crespo, “se dedicou a gardar silencio sobre a autopista cando gobernaba o PP e a xerar confrontación e utilizar a AP-53 como arma electoral cos gobernos socialistas”. “Agardamos que agora deixe de terxiversar os avances históricos que se están logrando e recoñeza o compromiso do goberno de Pedro Sánchez en beneficio dos nosos veciños e veciñas”.
Publicidade
A líder dos socialistas de Lalín dixo agardar que se sigan dando pasos e comprometeuse a traballar para cumprir o compromiso socialista de seguir avanzando despois da rebaixa ata a gratuidade da AP-53.
Comments