Alba Forno asegura que máis de 5.000 lalinenses percibirán "unha media de 73 euros máis ao mes"
A socialista explica que isto será posible "gracias á revalorización do 8,5% do goberno de Pedro Sánchez"
Ecos da Comarca/Lalín
A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Lalín e candidata á Alcaldía, Alba Forno, subliñou
este mércores que as pensións de xubilación dos lalinenses subirán unha media de 73 euros ao mes este ano tras a aprobación por parte do Goberno socialista de Pedro Sánchez dunha revalorización xeral das pensións do 8,5 % e outras prestacións abonadas polo sistema da Seguridade Social, co obxectivo de garantir o poder adquisitivo destas
persoas nun contexto marcado pola alta inflación. Forno sostén que esta medida “é
unha magnífica nova para a nosa veciñanza”, posto que no municipio hai máis de 5.000
pensionistas que se beneficiarán directamente deste incremento.
Forno informou de que no concello a pensión media de xubilación quedará en 926,5
euros ao mes e suporá que cheguen a Lalín para o conxunto de pensionistas do
municipio uns 5,2 millóns de euros máis en 2023.

“Desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno a revalorización supera o 25 % e isto
é posible grazas á blindaxe que fixo o actual Goberno do poder adquisitivo das persoas
pensionistas, porque de terse aplicado a revalorización de 0,25 % anual fixada polo PP
en 2013, a pensión media de xubilación tería subido menos de 50 euros anuais. É dicir,
co Goberno de Pedro Sánchez as pensións soben en Lalín 73 euros mensuais, mentres
que co PP subirían 3 euros”.
Esta revalorización supón no caso de Lalín, asegura, "1.022 euros de aumento medio ao ano para cada pensión de xubilación, é dicir, que os pensionistas van recibir algo máis
dunha mensualidade extra, ou o que é o mesmo, quince pagas ao ano”, explicou a
candidata. “Estamos ante unha medida imprescindible para favorecer ás persoas máis vulnerables e ás que teñen menor capacidade de axustar os seus ingresos para afrontar a evolución á alza dos prezos derivada da guerra de Ucraína”, destaca.
Resto das pensións
Forno sinalou tamén que, alén das pensións de xubilación (que son maioritarias), tamén experimentarán unha suba do 8,5 % na súa contía mensual a partir da nómina de xaneiro as pensións contributivas de incapacidade permanente, viuvez, orfandade e as de favor de familia.
Por outra banda, as pensións non contributivas de xubilación e invalidez e os perceptores do Ingreso Mínimo Vital manterán durante todo o 2023 o incremento extraordinario do 15 % aprobado en xuño de 2022 para paliar os efectos do encarecemento dos prezos.
Ante esta medida, a socialista recalca que “o Goberno do Estado inviste uns 66 millóns
de euros en Lalín en pensións”, lembrando outras achegas extraordinarias das que se
beneficiou directamente o noso municipio como son os 2,7 millóns de axudas aos
gandeiros ante a suba de custes pola guerra.