Alba Forno acusa a Crespo de "deixar morrer" a Praza de Abastos de Lalín
- ecosdacomarca
- 5 dic 2024
- 2 Min. de lectura
“A realidade é máis grave que nunca coa volta do PP: menos postos abertos, menos actividade, e unha oportunidade millonaria perdida para darlle unha nova vida a este espazo emblemático”, recalca a socialista
Ecos da Comarca/Lalín
A concelleira socialista de Lalín, Alba Forno, denuncia que "a absoluta deixadez do alcalde, José Crespo", coa Praza de Abastos, está provocando a “morte” dun espazo que debería ser un motor de dinamización comercial e social para Lalín. Explica que o mercado desde que volveu ao goberno en 2019 caeu no máis absoluto abandono. “A praza pasou de ter 8 postos ocupados a só 3, reflexo evidente da falta de planificación, interese e xestión do Partido Popular”, por este espazo, subliña.

Forno lembra que "a nefasta xestión do goberno local provocou a escandalosa perda dunha axuda de 1,13 millóns de euros do Goberno de España, destinada á rehabilitación integral da praza e a súa revitalización dentro do programa PIREP". “Non só perderon este financiamento esencial, senón que os lalinenses tiveron que pagar as consecuencias: 60.000 euros en intereses derivados desta perda que se poderían destinar, por exemplo, á activación dun bono para o comercio”.
A concelleira lembra que Crespo renunciou á axuda alegando a imposibilidade de cumprir cos prazos de execución, renunciando así á prórroga ofrecida polo ministerio e "demostrando unha alarmante falta de compromiso cos intereses de Lalín". Forno explica que 18 concellos galegos se adheriron a esta prórroga dos prazos para executar a axudas, pero Lalín foi un dos únicos municipios que a perdeu no que “é un dos maiores escándalos económicos en décadas”. Para a concelleira “resulta paradóxico que o propio Crespo, cando estaba na oposición, se erixíase como o gran defensor da Praza de Abastos e utilizase politicamente os praceiros acusando ao anterior goberno de coalición do seu abandono cando hoxe, baixo a súa xestión, a realidade é máis grave que nunca: menos postos abertos, menos actividade, e unha oportunidade perdida para darlle unha nova vida a este espazo emblemático”.
Publicidade
“Desde o PSOE de Lalín consideramos que se deberían asumir responsabilidades por este desastre e vemos inaceptable que o Partido Popular siga ignorando as necesidades do comercio local e permita que a Praza de Abastos se afunda no esquecemento”, remarca, asegurando que o Partido Socialista seguirá traballando por un Lalín que aposte de verdade polo comercio local, a dinamización económica e a recuperación de espazos públicos.
Comentários