Crearase a marca Queixos de Galicia para promover o desenvolvemento e internacionalización dos queixos galegos
Ecos da Comarca/Xeral
A cooperativa agrogandeira AIRA e o grupo GARCÍA BAQUERO acaban de selar unha alianza estratéxica para producir queixos elaborados en Galicia. O acordo unirá a experiencia e o coñecemento na cadea de subministro por parte de AIRA coa capacidade comercial e produtiva de GARCÍA BAQUERO, garantindo así unha operación sostible, eficiente e de valor engadido para os socios, traballadores, consumidores e clientes de ambas entidades.

Con esta alianza crearase a marca QUEIXOS DE GALICIA que reforza a aposta e o compromiso por promover conxuntamente a elaboración, o desenvolvemento, a innovación e a internacionalización dos queixos galegos. Deste xeito, ambas entidades suman esforzos para comezar a producir queixos elaborados en Galicia e con leite das ganderías socias da Cooperativa.
“Con esta iniciativa ambas entidades reafirmamos o noso compromiso co desenvolvemento do sector agroalimentario galego e a creación de valor en toda a cadea de subministro. A través desta colaboración e esforzo conxunto traballamos para consolidar a excelencia dos nosos produtos, posicionando Galicia como referente de queixos de calidade elaborados co sabor e a tradición de Galicia”, valora Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.
“Esta alianza non só fortalecerá a posición de ambas compañías no mercado, senón que tamén xerará un maior valor para os clientes. Ademais, brindará a GARCÍA BAQUERO a oportunidade de iniciar unha nova etapa de colaboración con AIRA, orientada a ofrecer produtos e servizos da máis alta calidade, consolidando a marca do queixo galego e explorando novas e vangardistas tendencias dentro desta categoría”, explica Miguel Ángel
García Baquero, conselleiro delegado de GARCÍA BAQUERO.
Publicidade
Sector queixeiro galego
O acordo xerará un impacto positivo para a economía local, así como para clientes e consumidores, que disfrutarán de produtos elaborados baixo os máis altos estándares de calidade, consolidando a marca de queixo galego e desenvolvendo novas tendencias innovadoras neste sector. Así llo trasladaron dende ambas entidades nun encontro de traballo coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no que tamén participou o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Na xuntanza por parte de AIRA asistiron o seu presidente, José Manuel López Tellado; o director xeral, Daniel Ferreiro, e o vicepresidente, Javier Taboada. En representación de GARCÍA BAQUERO participou o seu conselleiro delegado, Miguel Ángel García Baquero.
As entidades
AIRA é unha cooperativa agrogandeira líder en Galicia e en España enfocada en servizos e solucións integrais ao sector agrícola e gandeiro. AIRA ofrece aos seus case 3.000 socios servizos integrais na alimentación da cabana gandeira, a produción do leite, a comercialización de produtos agroalimentarios, así como asistencia nas ganderías.
GARCIA BAQUERO é un grupo de carácter familiar cun forte liderado no sector queixeiro, cun firme compromiso coa calidade, a sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente, principios que rexen todas as súas actividades desde as súas orixes.
Comments