top of page

Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema reúnense con Medio Rural e coa Deputación de Lugo

Abordaron o acordo da Unión Europea con Mercosur


Ecos da Comarca/Xeral

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo este mediodía unha reunión con representantes das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema que tamén se reuniron coa Deputación de Lugo. Esta xuntanza enmárcase nos contactos permanentes que se veñen establecendo cos produtores da nosa comunidade e súmase ás mantidas con anterioridade, como a de onte en Ourense ou a do pasado 5 de xaneiro, co fin de coñecer as súas demandas e defender os seus intereses ante o novo acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Seguindo esta liña, mañá venres está convocado o Consello Agrario.


Tal e como avanzou o mércores en Ourense, a conselleira afirmou que se incrementarán os controis en Galicia ante o acordo co Mercosur e que se creará unha estratexia para aumentar a promoción dos produtos agroalimentarios elaborados na comunidade, especialmente daqueles que conten con algunha certificación de calidade. Para facelo, citarase a representantes da distribución, unha parte esencial da cadea de valor. Ao fío deste incremento dos controis, fixo referencia á necesidade de intensificar as inspeccións na fronteira, unha cuestión que é competencia directa do Goberno Central. 

Tamén con respecto a Mercosur, reafirmou María José Gómez, seguirase a esixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como xa se fixo en reiteradas ocasións, que calquera produto que entre en España debe cumprir os mesmos requisitos sanitarios que respectan dende hai anos os produtores da Unión Europea. En relación coas cláusulas de salvagarda, insistiu de novo en que son indispensables para a Xunta de Galicia. Estas condicións deben ser garantidas ao longo de todo o acordo, e por esta razón se lle segue a reclamar ao Goberno de España que defenda con insistencia este punto. 


Neste xuntanza tamén se abordaron as inquedanzas vencelladas á nova Política Agraria Común (PAC) a partir de 2028. Unha proposta que, como denunciou a Consellería do Medio Rural en numerosas ocasións, é lesiva para o sector primario galego, dado que implica un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais, que ata agora protexen as axudas directas e as partidas de desenvolvemento rural.


Redución de burocracia e requisitos

Así, asegurou que dende a Xunta seguirá a defenderse ante o Ministerio e a Unión Europea un cambio nesta proposta comunitaria e avanzou que este será o asunto principal a tratar este venres no Consello Agrario. Así mesmo, tamén concretou que se reclamará unha redución de burocracia e requisitos no marco da nova PAC.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA


Sobre sanidade animal, María José Gómez salientou o compromiso do seu departamento por manter o status sanitario da cabana gandeira galega. En relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), transmitiu de novo unha mensaxe de tranquilidade ao sector, xa que esta doenza non chegou ata Galicia polo de agora e nestes momentos só se constatou a súa presenza en Cataluña. Aínda así, resaltou que é importante seguir as medidas preventivas e de bioseguridade establecidas ata o momento na comunidade.


Así mesmo, reclamou de novo máis coordinación por parte do Ministerio en todo o ámbito nacional, co fin de que as comunidades autónomas poidan implementar medidas homoxéneas nos seus territorios. Por outra banda, lembrou a súa demanda ao Goberno central para que lidere ante a Unión Europea unha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, que solicite a rebaixa da categoría da enfermidade e que contemple indemnizacións para os gandeiros que poidan resultar afectados.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, comprometeuse este xoves cos representantes do sector primario afectados polo acordo con Mercosur a levar as súas reivindicacións ao Pleno ordinario do mes de xaneiro. Así llelo trasladou no seu primeiro día de traballo ao fronte da institución provincial na reunión celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.


López destacou durante o encontro que o Goberno provincial é moi consciente do peso específico do sector gandeiro -un piar na produción de vacún de carne e leite en España- e nese sentido, destacou que “calquera acordo comercial debe protexer aos produtores locais e comprometémonos a defender aos gandeiros lucenses por riba de calquera interese alleo ao territorio”.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Os deputados provinciais Pilar García Porto e Pablo Rivera Capón participaron tamén nesta reunión, na que a Presidenta sinalou tamén que manterá o contacto cos gandeiros e agricultores afectados para ver a evolución da súa situación. 



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page