Estas actuacións fixéronse a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

García, González, Val, Calvo e Santos durante a visita a Brocos.
Laura Moure/Agolada
O Concello de Agolada vén de transformar espazos moi relevantes para a veciñanza ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Cun investimento total que supera os 270.000 euros abordou a reforma do edificio da antiga Escola de Brocos e a pavimentación integral de 15 camiños rurais. As obras foron visitadas polos deputados provinciais Santos Héctor e Manuel González, xunto ao alcalde Luís Calvo, o teniente de alcalde, Óscar Val, e o concelleiro de Obras, Pedro García.
"Con estas obras que se fixeron a cargo do Plan Concellos, mellórase a calidade de vida dos veciños e veciñas de Agolada. Son actuacións que realmente garanten a permeabilidade do rural" sentenciou Santos Héctor. O deputado de Cooperación subliñou que son accións deste tipo as que permiten que todas e todos poidan gozar dos mesmos servizos alá onde estean vivindo. "Hai que vencer o efecto da despoboación", insistiu, "e aquí dicíanos o alcalde que grazas a estas actuacións están conseguindo incorporar xente nova".
O alcalde agradeceu á Deputación a súa aportación co Plan Concellos: "Sen el non seriamos nada. Non nos daríamos movido" e invitou a institución provincial a volver: "Teñen aquí a súa casa coas portas abertas sempre que desexen vir, estaremos cos brazos abertos para acollelos". "Sempre que os chamamos están aí tamén", engadiu. Luís Calvo fixo fincapé no feito de que se cae o rural cae todo, polo que "imos mellorar todo o que sexa posible poñendo o noso esforzo na calidade de vida da xente de Agolada".
A transformación da antiga Escola
No caso da Escola, os traballos executados, nos que se investiron 25.931 euros, fixeron posible a súa remodelación. Estas instalacións presentaban graves deficiencias de impermeabilidade, unhas fachadas moi deterioradas e unha carpintería inicial irrecuperable. Á problemática da impermeabilidade fíxose fronte coa substitución da cuberta e a instalación de canalóns e baixantes para o vertido das augas. Actuouse tamén no repicado das fachadas, nas que se deixou a pedra á vista e se "recintaron" as xuntas mediante morteiro de cemento en cor ocre. Por último, substituíuse a carpintería exterior na súa totalidade, incorporando ventás e portas de aluminio lacado en cor verde. Durante a visita comprobouse o espectacular cambio no aspecto tanto exterior como interior destas instalacións.
Esta histórica escola, realidade grazas á xente de Brocos emigrada a Bos Aires, vai ser dedicada agora a usos sociais. O obxectivo é que poida dispor das súas instalacións para todo tipo de celebracións, xuntanzas veciñais, actividades culturais, etc. Ademais, a "nova" Escola de Brocos estará tamén a disposición da Asociación Mar do Deza, que poderá empregala para talleres ou actividades formativas.
Doutra banda, obrouse en máis de nove quilómetros de camiños, nos que se investiron 248.573 euros para a súa melloría e conservación. Neste senso, procedeuse ao reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas e ao arranxo de múltiples fochas mediante escarificación e compactado. Amais, levouse a cabo un tratamento superficial de limpeza e perfilado para a recollida de augas. En concreto actuouse nos camiños de Marcelín, Cacharenzo, Orrea-Vilariño, Orrea-Cima da Vila, Baíña-Brandariz, Sa ao Seixo, Vilariño-Vilariño, Vilariño-Sepellos, Santa Comba-Quintela, Carmoega-Santandre, Brántega-San Lourenzo, Agolada 1, Agolada 2, Gurgueiro e Brocos.
A Deputación leva investidos máis de 3,9 millóns de euros no concello de Agolada desde 2015. A abeiro do Plan Concellos, o municipio puido levar a cabo, entre outras, numerosas obras de pavimentado de camiños, merca de pendellos, saneamento e iluminación; así como a contratación de máis de 90 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais. Este ano, a Deputación destina dentro do seu compromiso cos municipios, 522.113 euros a Agolada.
Comments