top of page
Foto del escritorLaura Moure

Agolada recibe unha axuda da Deputación para a retirada de simboloxía franquista


Laura Moure/Agolada

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e do departamento de Memoria Histórica provincial, axudará a seis concellos da provincia (Agolada, Bueu, Gondomar, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e Vilaboa) a retirar simboloxía franquista de diferentes construción no seu espazo público.

A Avenida Calvo Sotelo de Agolada. Autor: Ecos da Comarca.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse satisfeita de que esta liña de axudas, que cumpre a súa terceira edición, poida axudar aos gobernos locais a eliminar vestixios contrarios á memoria democrática que estean situados en edificios de carácter público municipal, unha obriga marcada por lei. Neste sentido, a nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática e facilitar o cumprimento da normativa de Memoria vixente, e para iso tende a man con estas subvencións, dado que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas de simboloxía franquista.

As achegas da Deputación, explica Ortega, poden destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

No caso do Concello de Agolada, a subvención será destinada á substitución de placas identificativas do rueiro municipal; en Bueu retirarase a simboloxía franquista na contorna do lavadoiro do río Novo de Trasouto; en Gondomar retiraranse os elementos franquistas das antigas escolas de San Cibrán –Donas; en Pazos retiraranse diversos elementos ao longo do municipio; en Ponte Caldelas retirarase o alusivo ao franquismo da fonte-lavadoiro da igrexa de Forzáns; mentres que en Vilaboa eliminaranse os vestixios do lavadoiro de Fonte de Casal de Santa.


A meirande parte das actuacións subvencionadas pola Deputación nas dúas edicións anteriores tiveron tamén relación coa retirada de simboloxía de elementos da Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura.

Tamén se presentaron proxectos para retirar moitos elementos das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page