Están promovidas polo departamento de Servizos Sociais deste Concello e estarán compostas por tres iniciativas
Laura Moure/Agolada
No pasado mes de agosto a Deputación de Pontevedra concedeu unhas subvencións, que estaban dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, destinadas ao fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2021. O Concello de Agolada recibiu para tal fin 4.686,69 euros. Con esta contía dende o departamento de Servizos Sociais, dirixido polo concelleiro Marcos Galego, organizan unhas xornadas que inclúen distintas actividades, que levará a cabo a empresa Talentea.
En días anteriores Marcos Galego, a traballadora social do Concello, Laura Reboredo, e a xerente de Talentea, Fátima Rodríguez, mantiveron reunións para organizar esta iniciativa. “O ano pasado fixemos o primeiro plan de igualdade do Concello de Agolada e con esta iniciativa queremos desenvolver e dar visibilidade a algunha das propostas deste plan”, avanza Reboredo.
Nestas xornadas levaranse a cabo tres iniciativas. A primeira dela, baixo o lema Na casa todos somos iguais, consiste nun obradoiro de corresponsabilidade dirixido ao alumnado de Infantil e Primaria do CEIP Agolada.
A segunda, Cóidate muller, é un ciclo de tres faladoiros sobre a saúde feminina. Estas tres charlas está previsto que sexan na semana do 25 de novembro, data na que se conmemora o Día Internacional da Violencia de Xénero.
Por último, terá lugar Enredadas, un obradoiro de madurez activa destinado ás mulleres das distintas parroquias. Na vindeira semana darase todos os detalles desta actividade a través de bandos informativos para que a xente se anote. Haberá, en principio, de prazo ata o 27 de setembro para que se inscriban no departamento de Servizos Sociais do Concello.
En principio este obradoiro levarase a cabo en Agolada e na parroquia de Val de Sangorza, todo dependerá da demanda que haxa. Terá unha duración de dez semanas e impartirase todos os xoves dende o 14 de outubro ao 16 de decembro. Cada sesión será dunha hora e cuarto.
“Agardamos que a xente se anime a participar e que estas xornadas sirvan para dar visibilidade á muller e para loitar contra a violencia de xénero”, recalca Reboredo.
Nos vindeiros días irase informando de todos os detalles de cada unha das iniciativas.
コメント