Agolada homenaxeará este sábado a Vázquez Pintor
- Laura Moure

- 12 jul 2024
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Agolada
O escritor Xosé Vázquez Pintor, natural de Melide, pero que se criou e reside en Agolada será homenaxeado este sábado, 13 de xullo, na localidade agoladesa. A cita comezará ás 12 horas.

Publicidade
O programa arrancará coa concentración dos asistentes na Praza do Concello. Un dos organizadores Ángel Utrera será o encargado de dar a benvida aos presentes. Despois comezará a marcha cara a Rúa Iryda para descubrir a placa co nome da rúa Vázquez Pintor. De seguido, dará unhas explicacións Raquel Vidal e o agradecemento de María, en representación de Pintor.
Publicidade
Cabe mencionar que se recolleron máis de 150 sinaturas para solicitar que Vázquez Pintor sexa nomeado Fillo Predilecto de Agolada e que tivera un espazo público co seu nome. Despois ao ritmo de Bico da Balouta os asistentes dirixiranse á casa do escritor para colocar unha segunda placa: "Aquí onde reside a súa palabra".
Logo intervirá o alcalde, Luis Calvo, e despois actuará na Praza do Concello a Coral Polifónica de Agolada e rematará a xornada nos Pendellos coa degustación de pinchos e coa música de Bico da Balouta e unha charanga.








Comentarios