Agolada celebrará as festas patronais o 29 e 30 de xuño e o 1 de xullo
Hai unha comisión que xa traballa arreo e organiza para o 30 de abril un evento para recadar fondos
Laura Moure/Agolada
O San Pedro e o San Pablo será honrado este ano en Agolada con tres días de festa. Ademais do 29 e 30 de xuño, a celebración continuará ao día seguinte. Este ano a organización de festas foi retomada por unha comisión de veciños que xa traballa arreo na súa organización.

Cabe mencionar que no 2020 non houbo festexos debido á pandemia e o pasado ano, foi o Concello quen decidiu asumir a organización e o coste das festas adaptándose á normativa de loita contra a Covid.
Nos vindeiros días a comisión revelará o nome dos seus integrantes así como dará máis detalles da programación na que traballa para pechala canto antes. Sen embargo, adianta que haberá un evento o 30 de abril para empezar a recadar fondos. Este será no pavillón da localidade a partir da medianoite. Actuarán o dúo La Mecánica e o dj David Expósito.
O alcalde do municipio, Luís Calvo, bríndalle todo o apoio á nova comisión. “Sabemos que organizar unhas festas non é tarefa doada e require de moito traballo e esforzo. Por iso, dende o Concello mostrámoslle toda a nosa colaboración e agradecemos a súa labor para organizar as festas patronais do noso pobo”.