Agolada aposta por unha serie de iniciativas para recoñecer o traballo do persoal laboral
Ecos da Comarca/Agolada
Este venres celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Agolada a Mesa Xeral de Negociación na que participaron os representantes sindicais do persoal do Concello de Agolada, representantes do goberno municipal e e o secretario municipal. Nesta reunión púxose de manifesto por parte do grupo de goberno, representado na figura do alcalde, Luis Calvo, unha serie de iniciativas tendentes a recoñecer o esforzo do persoal do Concello e que abrangue a todos e cada un dos postos de traballo do persoal laboral.
Deste modo, someteuse a votación o recoñecemento e abonamento ao persoal laboral temporal e indefinido dos trienios que en verbas do alcalde "legalmente lles corresponden e que é o mínimo que merecen”.

Trátase, segundo Calvo, "dunha proposta histórica que pretende paliar as débedas de anteriores gobernos cun persoal sometido a reduccións salariais cando viñan mal dadas, pero aos que non se IIes recoñecían moitos dos seus dereitos”. O persoal afectado encádrase en diferentes postos de traballo, dende Servizos de Axuda no Fogar, pasando por persoal de oficinas e tamén de obras e servizos. "É unha boa nova para os traballadores que se suma ao anterior recoñecemento ao persoal de axuda a domicilio das axudas ou dietas de desprazamento".
Así mesmo establécese unha serie de melloras salariais que se encadran dentro da aprobación dos orzamentos de 2022. Neste senso e segundo o propio alcalde, “é unha serie de melloras que non repercute nos custes do Concello xa que as melloras salariais, non acadan nin de lonxe os custes de gastos de representación e dietas dos anteriores gobernos municipais do Partido Popular”. A continuación recalcou que “onde mellor están os cartos é no peto de aqueles que os traballan”.
A vista das propostas do goberno municipal os representantes de UXT manifestaron "de xeito expreso o seu agrado e parabéns ao grupo de goberno e agradeceu o traballo neste sentido do alcalde e o importante traballo do secretario do Concello".
Por parte de CCOO, que tiña catro representantes, tivo lugar a abstención de tres deles e o voto a favor dun representante. Manifestaron o seu agrado coa proposta e xustificaron a súa abstención nunha necesidade de revisión da documentación aportada no expediente.
Deste xeito, a proposta saíu adiante con tres votos a favor e tres abstencións e encamíñanse así, tal e como recalca Calvo, “cara unha serie de actuacións que van en favor da estabilización laboral do persoal do Concello”.
O Concello de Agolada amosa deste xeito e "en contraposición ao goberno do Partido Popular, un verdadeiro interese en dar estabilidade e respaldo aos traballadores municipais que dende hai anos viñan sendo perxudicados nos seus dereitos laborais", recalca o goberno local.