top of page

Agolada acollerá un ciclo de tres faladoiros sobre a saúde feminina os días 24, 25 e 26 de novembro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Forma parte das xornadas de igualdade organizadas por Servizos Sociais do Concello

e este martes arrancará tamén o obradoiro para o alumnado do colexio


Laura Moure/Agolada

Agolada albergará do 24 ao 26 de novembro un ciclo de tres faladoiros baixo o lema Cóidate muller coincidindo coa semana da conmemoración do 25N. Tratarán sobre a saúde física e emocional e está dirixido ás mulleres. Todos serán no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares de 19:00 a 21:00 horas.


O do día 24 leva por título O poder das emocións positivas e estará impartido pola psicóloga Vanessa Loureiro.


O da segunda xornada será Alimentación saudable para mulleres a cargo da nutricionista Patricia Beiro.


E por último, o día 25, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, terá lugar o de Sexualidade e muller, impartido por Inma Rodicio, terapeuta Gestalt.


Cabe mencionar que no pasado mes de agosto a Deputación de Pontevedra concedeu unhas subvencións, que estaban dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, destinadas ao fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2021. O Concello de Agolada recibiu para tal fin 4.686,69 euros. Con esta contía dende o departamento de Servizos Sociais, dirixido polo concelleiro Marcos Galego, organizaron unhas xornadas, xestionadas pola empresa Talentea, que inclúen distintas actividades, entre estas este ciclo.

Ademais abarcan un obradoiro de corresponsabilidade co nome Na casa todos somos iguais dirixido ao alumnado de Infantil e Primaria do CEIP Agolada. E este arrancará este martes, día 9, e impartirase ademais o 10, 16, 17 e 24 deste mes.


Estas xornadas de igualdade complétanse con Enredadas, un obradoiro de madurez activa destinado ás mulleres que xa empezou o 10 de outubro e durará ata o 16 de decembro. Lévase a cabo todos os xoves polas tardes na Casa da Cultura e nel participa unha ducia de mulleres.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page