O prazo para anotarse será do 1 ao 22 de xuño. Debido á pandemia as prazas son limitadas e seguirase a orde de inscrición tendo preferencia os empadroados
Laura Moure/Agolada
O Concello de Agolada organiza un campamento urbano no verán que terá lugar por quincenas en xullo e agosto. Debido á Covid-19 as prazas son limitadas. A iniciativa está dirixida a nenos de catro a 12 anos. As sesións serán de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas a cargo de Eduvía, empresa de servizos especializada na educación e no tempo libre. Terá lugar nas instalacións do CEIP Agolada.
A primeira quincena será do 5 ao 16 de xullo; a segunda, do 19 ao 30; a terceira do 2 ao 13 de agosto e a última, do 16 ao 27 de agosto. E para que se imparta o campamento en cada quincena, ten que haber como mínimo a metade das prazas ofertadas.
O prazo para anotarse será do 1 ao 22 de xuño e terán preferencia os empadroados no municipio e despois terase en conta a orde de inscrición. Se o número é maior do ofertado ( o que se estableza para poder manter o protocolo anticovid) intentarase que todos os anotados poidan asistir, polo menos, a unha quincena. A inscrición farase por rexistro de entrada no Concello de maneira presencial onde se entregará o formulario de solicitude. Este tamén se pode pedir a través do correo concello@agolada.es
Seguiranse todas as normas xerais e manterase o protocolo de actuación con motivo da Covid-19.
Prezos
Case a totalidade do prezo desta actividade estará asumirá polo Concello, pero unha mínima parte ten que ser abonada polos participantes. Desta maneira, os
empadroados no municipio de Agolada pagarán por cada quincena 20 euros, en caso do segundo irmán, este pagará dez e para os seguintes, será gratuíto.
Mentres, os non empadroados neste concello o primeiro fillo pagará por quincena 30 euros, o segundo 15, e para o terceiro será tamén gratis.
Documentación que se ten que presentar
Impreso da inscrición debidamente cumprimentado (entregarase no Concello ou pode solicitarse a través do correo electrónico concello@agolada.es)
Foto actualizada do menor.
Copia da tarxeta sanitaria.
Copia do DNI do titor/a legal.
Declaración responsable ao inicio do campamento (entregarase no Concello ou pode solicitarse a través do correo electrónico concello@agolada.es)
E xustificante de pago ( o número de conta tamén se indicará no Consistorio ou pode pedirse a través do correo electrónico concello@agolada.es)
Comments