Os interesados en asistir teñen que anotarse do 11 ao 23 e para que se imparta ten que haber como mínimo unha ducia de participantes
Laura Moure/Agolada
Agolada albergará o xoves 26 de maio unha xornada formativa sobre pragas e doenzas do castiñeiro. A cita será no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares en horario de 10:00 a 14:00 horas e é necesario inscribirse previamente. Ademais, para poder impartirse terá que haber un mínimo de 12 participantes.
O prazo para inscribirse arrancará este mércores, día 11, ata o día 23, incluídos. Os
interesados poden facelo a través do teléfono 637 092 846, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:30 horas, ou do correo electrónico prensagolada@agolada.es
A xornada estará impartida por persoal técnico do Centro de Desenvolvemento Agroforestal do concello de Riós. Este municipio ourensán ten asinado un convenio coa
Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), para levar a cabo esta
iniciativa en todo os concellos de Galicia que así o desexen.
Estas xornadas están dirixidas especialmente a tres colectivos: produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria ou desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario.
O Concello de Agolada considera que esta é unha moi boa iniciativa, polo que agradece ao Concello de Riós esta oportunidade. Ademais anima á cidadanía en xeral a participar nesta xornada, completamente gratuíta, porque será de gran interese para a plantación e o coidado destas árbores autóctonas.
Comments