top of page
Perruquería Marisa.gif

Agolada acolle do 13 de outubro ao 22 de decembro unha nova edición do obradoiro de madurez activa

O prazo de inscrición xa está aberto e en novembro terá lugar tamén tres faladoiros dentro das xornadas de igualdade promovidas por Servizos Sociais


Laura Moure/Agolada

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Agolada xa ten pechada a programación das xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero. No pasado mes de agosto a Deputación de Pontevedra concedeu unhas subvencións aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes destinadas ao fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2022. Nesta ocasión e para tal fin, o ente provincial concedeu ao Concello de Agolada 4.443,91 euros. A programación incluirá un obradoiro e tres faladoiros durante os meses de outubro e decembro xestionados, igual que o ano pasado, pola empresa Talentea.

Faladoiro Sexualidade e muller, impartido por Inma Rodicio, terapeuta Gestalt o ano pasado dentro destas xornadas.

Desta maneira, celebrarase a segunda edición do obradoiro de madurez activa Enredadas,

destinado ás mulleres. Igual que o ano pasado estará impartido por Paula Rivela. Terá lugar todos os xoves de 17:30 a 19:00 horas dende o 13 de outubro ata o 22 de decembro. O obradoiro é gratuíto, pero é preciso anotarse. O prazo xa está aberto e acabará o 7 de outubro. As interesadas deberán inscribirse no departamento de Servizos Sociais do Concello de luns a venres de 9:00 a 14:30 horas.


E despois terá lugar no mes de novembro a segunda edición do ciclo de faladoiros Cóidate

muller.Todos serán de 19:00 a 21:00 horas no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares.


  • O primeiro deles será o 23 de novembro e leva por título O cancro na muller. Detención precoz e prevención.

  • O segundo, que se celebrará o 24, abordará O insomnio e outros trastornos do sono.

  • E por último, o 25 cando se conmemora o Día da Eliminación da Violencia de Xénero, terá lugar un sobre Os medicamentos. Uso axeitado e conservación.

Nos vindeiros días colocaranse bandos informativos polas distintas parroquias.


A traballadora social do Concello de Agolada, Laura Reboredo, anima aos veciños a participar nestas xornadas, que serven para contribuír a dar visibilidade á muller nos distintos ámbitos e para loitar contra a violencia de xénero.

88 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page