AEMET pon en marcha un novo índice de perigo de incendios forestais
- Laura Moure

- 29 may
- 2 min de lectura
Denominado IPIF, incorpora variables non estritamente meteorolóxicas, como o estado da vexetación, a humidade do chan ou os tipos de superficie
Laura Moure/Xeral
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), puxo en marcha, coincidindo co inicio da campaña de incendios forestais de 2026, o novo índice IPIF (Índice de Perigo de Incendios Forestais), unha evolución do sistema utilizado ata o de agora.

*Comparación dos índices FWI e IPIF respecto á porcentaxe de días con niveis de perigo moi alto e extremo para agosto de 2025 en Península e Baleares e xullo de 2025 en Canarias.
O novo índice incorpora as variables meteorolóxicas fundamentais para prognosticar o perigo de incendios, como a temperatura, a humidade, o vento ou a choiva acumulada en días previos, e engade ademais novos parámetros que permiten unha caracterización máis completa das condicións do territorio.
A vicepresidenta do Gobierno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, visitou este xoves a sede da axencia, onde puido coñecer as principais novidades deste índice. Entre elas atópase a incorporación de información sobre o estado da vexetación, obtida mediante observación satelital, así como sobre a humidade do chan. Así mesmo, o IPIF integra datos relativos aos usos do chan e ao tipo de superficie, adaptando os seus cálculos ás características específicas de cada contorna, xa que o comportamento do lume e a dispoñibilidade de combustible varían entre áreas urbanas, masas forestais ou zonas agrícolas.
PUBLICIDADE
O novo índice mellora tamén a resolución espacial da información, que pasa de 5 quilómetros a 1 quilómetro, permitindo representar con maior detalle as condicións do territorio. Outra das novidades é a ampliación das categorías de perigo, que pasan de cinco a seis coa incorporación do nivel “moi baixo”, xunto ás categorías xa existentes de baixo, moderado, alto, moi alto e extremo.
PUBLICIDADE
A definición destas categorías realizouse tomando como referencia o período 2015-2024, que inclúe algúns dos anos máis cálidos rexistrados en España. Deste xeito, o novo índice permite unha identificación máis afinada e precisa das situacións de perigo moi alto ou extremo. Con esta nova ferramenta, os servizos responsables da prevención e extinción de incendios forestais dispoñerán de información máis detallada para apoiar a toma de decisións e reforzar as capacidades de anticipación e resposta ante incendios forestais.








Comentarios