top of page
Foto del escritorLaura Moure

AED e CCA de Lalín sortearán 4.000 euros en vales de compra e centos de agasallos coa Volta ao Cole

A campaña comeza este venres coa actuación do Mago Teto na Praza da Igrexa

e cun “plinko” para repartir agasallos cos tickets de compra do propio día


Laura Moure/Lalín

A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto de Lalín desenvolverán durante o mes de setembro dúas iniciativas de dinamización do sector

comercial: a campaña da Volta ao cole, que se levará a cabo entre os días 3 e 30, e a VI Feira de Oportunidades, que terá lugar os días 10 e 11.


No caso da Volta ao cole, nesta ocasión a campaña repartirá 4.000 euros en vales de compra, a razón de 1.000 euros semanais divididos en 20 vales de compra de 50 euros para gastar nos comercios asociados, e centos de agasallos, entre os que se atopan libretas, pen drives ou botellas. A campaña comezará o venres día 3 cun “plinko” na Praza da Igrexa desde as 17.00 ata as 21.00 horas, no que as persoas que realicen compras ao longo dese día poderán acudir cos tickets de compra a probar sorte. Ademais, entre as 18.00 e as 19.00 horas os presentes poderán gozar dun espectáculo de maxia do Mago Teto.


En canto ao resto do mes, a mecánica da campaña será a seguinte: os comerciantes repartirán rifas numeradas con cada compra e ao remate de cada semana a AED recollerá as matrices das rifas entregadas para realizar o sorteo dos 20 vales de compra de 50 euros e do resto de agasallos. Os números premiados publicarase a través das redes sociais e as persoas agraciadas disporán de todo o mes para contactar coa AED para reclamar os premios.


Por outra parte, a AED está a ultimar os detalles da organización da VI Feira de Oportunidades, que se celebrará o venres 10 de setembro -pola tarde- e o sábado 11 en horario de mañá e tarde. As carpas e hainas instalaranse en dous tramos da Avenida Luis González Taboada para cumprir cos requisitos de seguridade establecidos pola Xunta de Galicia tras entrar Lalín no nivel máximo de restricións.


Ademais, cada stand deberá dispor de xel hidroalcólico e realizar unha limpeza/desinfección polo menos unha vez ao día. Os comerciantes tamén deberán tratar de evitar aglomeracións en cada posto de venda.


Nestas campañas colaboran o Concello de Lalín e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

0 comentarios

Yorumlar


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page