Os clientes dos comercios participantes poderán canxear boletos das súas compras por flocos de millo e tamén realizar unha tirada nun panel “Plinko” para obter premios ou vales
Laura Moure/Lalín
A Asociación de Empresari@s de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín publicitarán o vindeiro venres, día 25, o comezo da tempada de rebaixas de verán a través dunha campaña na que se repartirán agasallos e vales de compra.
Os establecementos participantes, decorados coas flores entregadas na anterior campaña e con moqueta, estenderán o seu horario de apertura ata as 21:00 horas e disporán de lotes de boletos para entregarlles aos clientes que realicen compras para que poidan canxealos ese día por flocos de millo.
Ademais, entre as 17:00 e as 21:00 horas, na Praza da Igrexa instalarase unha carpa cun panel “Plinko” para que aqueles clientes que efectúen compras nos comercios asociados, amosando o seu ticket de compra, poidan realizar unha tirada e obter premios ou vales de compra de 10 euros ou cinco euros para gastar nos establecementos asociados.
Asemblea Xeral
Por outra banda, o presidente da Asociación de Empreari@s de Deza, Antonio Lamas, vén de convocar para o vindeiro día 1 de xullo, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e ás 20:15 horas en segunda convocatoria, a Asemblea Xeral Ordinaria, que volverá celebrarse en formato presencial na sede da asociación. Na orde do día, ademais da aprobación da acta anterior, figuran a presentación da Memoria de Actividades 2020 e a aprobación das contas anuais de 2020 e do orzamento para 2021, así como a presentación dun informe do propio presidente. Debido á Covid-19, prégase aos asociados que teñan pensado asistir, que o comuniquen previamente.
Comments