139 establecementos comerciais e de hostalaría realizarán ofertas e descontos especiais os días 4 e 5 de xuño e unificarán a súa decoración con elementos feiros por Aspadeza
Laura Moure/Lalín
A Asociación de Empresarios de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín desenvolverán o vindeiro venres día 4 e o sábado día 5 de xuño unha campaña de
dinamización da actividade comercial e hostaleira á que se sumarán 27 establecementos do Pontiñas Centro Comercial e de Ocio Gadis, contabilizando un total de 139 negocios participantes.
Coa finalidade de fomentar as vendas, os 139 establecementos implicados nesta campaña lanzarán ofertas, promocións e descontos especiais o venres e o sábado e unificarán a decoración con elementos deseñados e elaborados por usuarios/as de Aspadeza. Ademais, os comercios colaboradores extenderán o seu horario de apertura ata as 21.00 horas e disporán dun lote de boletos para entregar aos clientes que realicen compras neses dous días para canxealos por flocos de millo.
Ao mesmo tempo, o CCA de Lalín instalará na Praza da Igrexa unha “ruleta” para que aqueles/as clientes/as que efectúen compras o venres ou o sábado nos establecementos asociados poidan realizar unha tirada amosando o seu ticket de compra para optar a un agasallo ou a vales de compra de 10 euros para gastar nos comercios asociados.
A campaña complementarase con actuacións de dinamización musical na rúa.
Comentarios