Esta actuación en Antas de Ulla levaraa a cabo a empresa Construcciones Leonardo Miguélez S.L
Laura Moure/A Ulloa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación por un importe de preto de 250.000 euros das obras para a mellora da seguridade viaria e a creación da zona de estacionamento do Parque Central de Galicia que a institución provincial creará no concello de Antas de Ulla. Así o informou a voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen explicou que a empresa adxudicataria é Construcciones Leonardo Miguélez SL, que contará cun prazo de execución das obras de seis meses unha vez iniciados os traballos.
García Porto lembrou que o proxecto acometerase entre os puntos quilométricos 3,490 e 3,700 da LU-P- 0301, de Antas a Rodeiro, e consistirá na adecuación do acceso e do entorno para o tráfico rodado a través de dúas actuacións. “Por unha banda, a ampliación da calzada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación separados e facilitar o acceso”, destacou a Deputada, que engadiu que, ademais de botar aglomerado neste treito, acondicionaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores e instalarase sinalización horizontal e vertical e iluminación, que mellorarán a seguridade viaria.
Tamén está prevista a creación dunha zona de estacionamento, “habilitando prazas con capacidade para que aparquen coches, autobuses, motos e bicicletas, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida”, apuntou Pilar García Porto. Estas obras súmanse aos traballos que xa se están realizando na zona na que se situará o futuro parque infantil e a plantación de especies autóctonas, como carballos e castaños. Tamén se inclúen as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies”.
Lembrou a responsable provincial que a Deputación de Lugo adquiriu un conxunto de parcelas na contorna na que se sitúa o centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, para crear o Parque Central de Galicia, que contará con máis de 45.000 m2 de extensión.
Rehabilitación da estrada provincial de Lugo a Palas
En relación coa rede provincial de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación das obras para a rehabilitación dun novo tramo do firme da LU-P-2901, que une o concello de Lugo, pola parroquia do Burgo, con Palas de Rei. A Deputación de Lugo destina a esta actuación un investimento de máis de 200.000 euros. As actuacións consistirán na mellora dun tramo de preto de catro quilómetros que discorre por Palas, dende o punto quilométrico 21,37 ao 25, e que complementan o traballo que se fixo recentemente noutros tramos desta estrada.
“Estas obras son moi importantes porque é unha estrada que vertebra o Camiño Primitivo ao seu paso polo concello de Palas e polo tanto ten moito tránsito, non só de veciños e veciñas, tamén de peregrinos, visitantes e turistas”, apuntou Pilar García Porto.
Comments