Adxudicado a Taboada e Ramos o plan de reforma integral de vías de Silleda por máis de 540.000 euros
- Laura Moure
- 18 feb 2022
- 3 Min. de lectura
Inclúe melloras de pistas nas parroquias de Dornelas, Ponte, Taboada, Lamela, Carboeiro, Moalde, Vilar, Margaride, Silleda, Cira e Bandeira
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continuará nas vindeiras semanas mellorando distintas vías de comunicación no municipio, cunha extensa rede do viario municipal. Así, e con cargo aos fondos que lle corresponden do Plan Concellos da Deputación da anualidade 2021, executaráse a mellora dunha ducia de tramos en distintos puntos do termo municipal silledense.
A Xunta de Goberno Local adxudicou este xoves definitivamente a Taboada y Ramos, por importe de 544.777 euros este novo plan de mellora viaria no rural, logo de resultar elixida polos técnicos entre a mellor das seis ofertas que se presentaron ao concurso aberto. “Esta nova actuación suporá a mellora integral dunha serie de viais con gran tránsito e vertebradoras de distintas localidades e servizos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Así, no proxecto que foi aprobado hai varios meses e que se viu retrasando pola necesidade de contar con distintos informes e autorizacións sectoriais, -entre outros trámites-, figuran un tramo do vial de entronque ca glorieta da PO-211, dende o recinto feiral Semana Verde, -en Silleda. Neste caso trátase dun tramo que se atopa en mal estado e que conecta cunha das circunvalacións arranxadas nos últimos anos, e tamén do acceso ao centro educativo que utilizan a diario as persoas usuarias do centro e o transporte escolar.
Por outra banda, tamén se inclúe neste programa e a mellora do acceso e tamén da explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Xa na zona rural o plan de mellora viaria inclúe actuacións en distintas parroquias. Así, levaranse a cabo obras de mellora en Ponte (no vial que une Espiño e Carderrei e tamén no vial de entronque ca PO-205 que dá
acceso a varios lugares).

Na parroquia de Vilar arranxarase o vial entre O Barral e Mazarelos e en Carboeiro outros dous tramos: un en Carboeiriño e o que une este último lugar ca parroquia de Ansemil, con case un quilómetro de lonxitude. En Lamela actuarase nun tramo de 1.095 metros dende o acceso da N-525 na Goleta (cara á igrexa) ata o lugar de Vilariño.
Tamén con cargo a este plan de actuación se mellorará a pista central que vertebra a parroquia de Dornelas, con algo máis de 2, 4 quilómetros de lonxitude. Nesta zona figura tamén o vial do Curro, na parroquia de Cira, dende o entronque ca EP7017.
Inclúese tamén a reforma integral do vial dende Riocalvo ata Rellas, pasando por Gamil, en Margaride; así coma o tramo de estrada que vai dende a N-640 en Moalde en dirección a Olives, tamén con máis de 1,3 quilómetros de lonxitude. Completan o proxecto dous viais na parroquia de Taboada: o tramo desde Trasdovalo ata Ponte Taboada e o que vai dende a estrada N-525 ata o lugar de Carballeda.
En todas elas acometerase a mellora do firme cunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente.
Máis inversións en 2022, con máis de 1,2 millóns
“Este novo proxecto unido ao de 2020 con outros sete viais que se executaron hai varios meses, e sumado ao que xa estamos a deseñar para este 2022 tamén con cargo ao Plan Concellos suporá un investimento histórico na rede viaria municipal de Silleda”, explica o alcalde.
O goberno municipal xa leva semanas traballando no deseño do plan de mellora viaria para este ano, ao que se destinarán de forma íntegra os 1,2 correspondentes ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o municipio.
Коментарі